Un proxecto de Down Pontevedra que atende a 100 persoas con 14 traballadores percibe 15.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o da Asociación Xuntos-Síndrome de Down Pontevedra, Manuel Pérez Cabo, asinaron hoxe un convenio de colaboración entre ambas as institucións polo que o organismo provincial achega 15.000 € para o desenvolvemento do proxecto “Estimulación da linguaxe oral” a través dun equipo multidisciplinar.

O proxecto vai destinado ás persoas con síndrome de Down ou discapacidade intelectual, para conseguir que poidan desenvolver ó máximo as súas capacidades comunicativas, as súas relacións sociais e, en xeral, mellorar a súa calidade de vida.

Louzán explicou en rolda de prensa que esta institución pontevedresa era “un modelo de actuación e un exemplo de colaboración cunha entidade similar de Vigo que facilita o traballo e o apoio da Deputación cara a elas”.

Pola súa banda, Pérez Cabo explicou que Xuntos-Down Pontevedra atende a 100 persoas afectadas pola síndrome de Down, das cales 80 son usuarios diarios do centro, que conta con 14 traballadores estables.

O presidente de Xuntos-Down Pontevedra indicou que o orzamento anual da asociación é de 200.000 €, financiados no seu 80% polas administracións e o resto polas achegas dos socios e recadación de actividades.

Segundo el moitos dos alumnos do centro son contratados por empresas, entre as que citou supermercados, o BBVA e a propia Deputación de Pontevedra, á que lle agradeceu, ademais da colaboración do convenio, que abrise unha liña de axudas a asociacións sen ánimo de lucro para contratos laborais de discapacitados.

A deputada Marta Iglesias, que tamén participou no acto, explicou que a Deputación non só mantivo, a pesar da crise, os apoios a este tipo de colectivos senón que aumentou en 300.000 € as  axudas ás ONG e entidades sen afán de lucro para incentivar a contratación laboral dos discapacitados.

4 de outubro de 2013 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.