Un plan director tratará de revitalitar os cascos históricos de Ferrol coa implantación de novas actividades económicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O concelleiro de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, presentou esta mañá o Plan Director de Captación de Oferta Comercial e Empresarial para a implantación de novas actividades económicas no ámbito da Zona Urban da cidade, integrada polos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido. O edil estivo acompañado por responsables da firma “Auren Consultores BIO S.A.”, adxudicataria desta iniciativa que o Concello de Ferrol financiará con cargo aos fondos europeos do Plan Urban.  A presentación desta proposta tivo lugar despois de que o edil de Economía mantivera un encontro de traballo en que participaron, entre outros, a Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), a Asociación de Hostaleiros de Ferrol e Comarca, comerciantes do ámbito do Urban. Na reunión tamén estiveron presentes responsables do Centro Municipal de Emprego e da Concellería de Emprego do Concello de Ferrol.

Langtry Caínzos explicou que esta primeira fase marca a ruta a seguir para a implantación e consolidación de dito proxecto, fixando o deseño e modo de execución do plan, así como a promoción e intermediación para a captación efectiva de establecementos comerciais, hostaleiros e outras actividades empresariais adecuadas a este espazo urbano e que contribúan a dinamizalo economicamente. Estas accións se darán a coñecer a potenciais inversores e emprendedores -tanto locais como foráneos- as vantaxes e posibilidades dos locais e espazo comercial urbano de Ferrol Vello, A Magdalena e Canido. O edil responsable das políticas económicas sinalou que para definir o posicionamento comercial dos diferentes espazos urbanos foi necesario a realización dun análise de investigación de mercado “para poder precisar as oportunidades de negocio por tipo de actividade empresarial”. Dito estudo, destacou datos como que o centro urbano comercial ferrolán posúe unha área de influenza comercial duns 207.000 habitantes, dos cales 92.500 son consumidores potenciais, así como que a estrutura empresarial ten censados uns 788 puntos de actividades, dos que 384 corresponden a comercios e os restantes a servizos. Todo isto xera un índice de especialización comercial de 59 puntos sendo o ideal para o centro urbano de Ferrol de 75. No que atinxe á dispoñibilidade de espazo comercial, son máis de 200 os locais dispoñibles nos principais eixes comerciais.

O edil sinalou que detectados os “ocos” de mercado e a dispoñibilidade de espazo comercial o Plan Director fixa un mix-comercial por zonas e tipo de actividade económica. Este perfil comercial será unha orientación para inversores e emprendedores que axude a mellorar o atractivo comercial da zona, contribúa a manter e consolidar as actividades económicas actuais, reduza o número de peches de negocios de recente apertura, aporte maior certeza ao desenvolvemento de novas actividades, capte inversores de perfil comercial adecuado para a zona, oriente a emprendedores que busquen iniciar actividade, e dinamice o mercado inmobiliario actual de locais e oficinas dispoñibles. Así mesmo, o Plan Director de Captación conta cun banco de ideas de negocio por rama de actividade, “onde se aposta polo comercio de proximidade no barrio de Canido, pola restauración e comercio vinculado ao turismo en Ferrol Vello, mentres que na zona da Magdalena se realiza unha sectorización espacial para o desenvolvemento unha especialización comercial por zonas” engadiu Alejandro Langtry. Ao fío disto, o resultado de diferentes análises deu recomendacións como a implantación de comercios de alimentación e complementario nun radio de aproximación ao mercado municipal, a aposta por espazos consolidados para o equipamento persoal de roupa e complementos, o avance no equipamento do fogar, a concentración de oferta en ocio e restauración, e o desenvolvemento dun “barrio da cultura” e fortalecemento da cidade como centro de servizos da comarca.

Sistema de comercialización

O concelleiro de Economía tamén anunciou que nas próximas semanas será implantado un sistema de comercialización que facilitará a captación de inversores e emprendedores locais e foráneos, “onde se sumarán todos os axentes implicados no proxecto”. Deste xeito, o Concello de Ferrol contará con diferentes delegacións que traballarán de forma coordinada, e cunha rede de prescritores -formada por diferentes asociacións empresariais, sectoriais e multinacionais, e institucións privadas- que darán difusión e información sobre o programa de captación. Dito material de promoción será realizado “on line” a través da posta en marcha dunha páxina web con datos de orientación comercial ou locais dispoñibles, un blog e presenza en redes sociais. Tamén serán utilizados recursos “off line” como un dossier de comercialización con información de interese, que estará apoiado por accións de comunicación en medios e xornadas informativas, e presenza en feiras e encontros. Así mesmo, Langtry Caínzos avanzou que o lanzamento do plan de captación está previsto para o mes de xaneiro “sendo este o momento propicio no sector para dar a coñecer a implantación do sistema de comercialización”.

24 de outubro de 2013 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.