Un milleiro de persoas participarán na primeira carreira popular contra o cancro “Corre por Ferrol”
Máis de un milleiro de persoas, de todas as idades, participarán o vindeiro domingo, día 3 de novembro, na “I Carreira Popular Contra o Cancro Corre por Ferrol”. Este evento está organizado pola Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) e o Concello de Ferrol, a través das Concellerías de Deportes e Benestar Social, e conta co patrocinio de diferentes empresas privadas. A proba ten un importante carácter solidaria, xa que todos os fondos recadados serán integramente destinados á AECC.
A primeira edición da Carreira Popular Contra o Cancro “Corre por Ferrol” sairá da Praza de Armas ás 11:00 horas e os participantes discorrerán 5 quilómetros de zonas emblemáticas da cidade. Este percorrido será para a categoría absoluta, mentres que as categorías menores realizarán outras distancias comprendidas entre 50 e 2.000 metros. Ademais, a xornada contará con actividades como as exhibicións de karate e zumba, entre outras. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asistirá á saída e á chegada deste evento popular dirixido a recadar fondos na loita contra o cancro.











