Un cupón de ruta de cinco restaurantes para participar nun sorteo será a gran novidade das X Xornadas Micolóxicas de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Presentación das xornadas micolóxicas

Presentación das xornadas micolóxicas

Onte pola noite presentouse a décima edición das Xornadas Micolóxicas organizadas polo Concello de Mos. Este ano a presentación celebrouse no restaurante Tapra contando coa presencia da alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, a edil de Educación e Participació Cidadá, Kely Monzón, a deputada provincial Marta Iglesias, a bióloga especialista en micoloxía, Puri Lorenzo, os restauradores participantes nestas X Xornadas, representantes da Comunidade de Montes ‘Monte Salgueirón de Mos’ e membros dos medios de comunicación da zona.

O acto de presentación consistiu nunha cea-degustación a base dun total de seis pratos elaborados con setas dos que puideron disfrutar todos os presentes e que foron preparados polos cinco restaurantes participantes nas Xornadas: Adega da Tía Carmen, O Cabaliño, Tapería Lano, O Alpendre e Tapra. Os pratos servidos por estes cinco restauradores consistiron nunha empanada de millo e trigo con setas, croquetas de bacallau con setas, champiñóns en vinagre, rabo de vaca do país estofado con setas, osobuco de porco con níscalos e, de postre, volcán de arroz con leite con setas caramelizadas á froita da paixón. A degustación maridouse cos viños Viñas del Vero Chardonnay Colección, Finca Moncloa e Néctar de Pedro Ximénez.

Tanto a rexedora local, Nidia Arévalo, como Julia Loureiro, edil responsable desta iniciativa, coincidiron onte nas súas declaracións en agradecer á Comunidade de Montes de Mos o seu traballo á hora de organizar conxuntamente coa administración local este programa anual de temática micolóxico-gastronómica; ós restauradores participantes nas Xornadas pola súa implicación, bo facer na cociña e o seu papel de embaixadores culinarios do Concello de Mos; ós medios de comunicación pola súa difusión, ano tras ano, destas Xornadas para que sexan todo un éxito de afluencia; á Deputación de Pontevedra polo apoio a esta iniciativa e, sobre todo, ós e ás participantes nas Xornadas, sen cuia participación actividades coma estas non serían posibles.

Novidade

A gran novidade desta X Edición é a creación dun cupón con cinco casiñas a selar correspondentes a cada un dos cinco restaurantes participantes nas Xornadas e que, unha vez cumprimentado cos cinco selos, o seu portador poderá depositalo nun dos buzóns habilitados a tal fin tamén nos cinco locais, e pasará a participar no sorteo dunha noite de hotel máis spa.

As xornadas de degustación nos restaurantes comezan hoxe mesmo e rematarán o domingo día 1 de decembro. O sorteo levarase a cabo o 3 de decembro, data na que se fará pública a identidade do gañador do mesmo.  

Programa de actividades

Ademais das degustacións nos cinco restaurantes arriba mencionados, a programación das X Xornadas Micolóxicas consta tamén de charlas, saídas didácticas, exposicións e espectáculos de contacontos para os máis pequenos.

O 5 de novembro ás 20.30 horas Certificación Forestal (PEFC y FSC) no Monte Veciñal de Mos ‘Monte Salgueirón’, a cargo do enxeñeiro forestal da Asociación Forestal de Galicia (AFG), Xosé Covelo Míguez. O 6 de novembro, tamén ás 20.30 horas, impartirase a charla ‘Iniciación á micoloxía: os cogomelos’ a cargo da ponente Marisa Castro, profesora titular do Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo. O 7 de novembro ás 20.30 horas celebrarase outra charla, esta vez titulada ‘Cultivo de cogomelos, creación dun xardín micolóxico’, impartida por Puri Lorenzo. O 8 de novembro ás 20.30 horas o cociñeiro Dioni Comesaña ofrecerá a súa charla baixo o título de ‘Cociñando cogumelos’. O 9 de novembro, en horario de 10.00 horas a 13.30 horas, realizarase unha saída didáctica para a recollida e identificación de cogomelos, guiada por varios monitores especializados, esta actividade require inscrición previa na concellería de Medio Ambiente de xeito presencial, telefónicamente a través do número 986 33 14 02 ou por correo electrónico no enderezo medioambiente@concellomos.es. O 9 de novembro ás 18.00 horas María del Pilar López Vidal e José Touceda Magariños impartirán unha charla sobre caza. E, por último, o 10 de novembro en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 20.00 horas haberá unha exposición e consulta abertas ó público, un obradoiro de actividades relacionadas cos cogomelos e, ás 17.00 horas, un contacontos para nenos e nenas. O contacontos, a cargo do artista Valentino, será de dúas horas de duración e incluirá un taller de actividades variadas para os cativos. Todas estas actividades terán por sede o Pazo dos Marqueses de Mos.

30 de outubro de 2013 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.