Un cento de persoas participa na homenaxe á Rondalla Infantil e á Coral Polifónica de Brión

Entrega de agasallo a unha das homenaxeadas
O centro social polivalente de Pedrouzos quedou pequeno para acoller a sentida homenaxe que máis de cen veciños e veciñas de Brión lle deron á Rondalla Infantil e á Coral Polifónica, formacións desaparecidas no ano 2001. Un centenar de persoas que pasaron nalgún momento da súa vida por algunha destas dúas formacións promovidas polo Concello de Brión e que marcaron o panorama cultural da comarca ao longo da década dos noventa, chegando a contar cun total de 182 participantes: 116 da Rondalla Infantil e 66 da Coral Polifónica.
O acto estivo presidido polo alcalde de Brión, Xosé Luís García, quen recoñeceu que “a Rondalla e a Coral de Brión dominaron musicalmente a comarca durante os anos 90. Duraron o que viviu Isaac (Vázquez Alvite), pois tentouse que seguira pero no fondo todos sabiamos que non era posible, que a xente estaba afeita a don Isaac”. Xosé Luís García, que tamén foi membro da Coral Polifónica aínda que recoñeceu que “a min botáronme pronto”, quixo homenaxear a figura do mestre Isaac Díaz Alvite, falecido no verán de 1999 cando contaba 56 anos de idade. Para iso, fixo entrega dun ramo de flores á viúva de don Isaac, Mariló Mosquera, en nome dos 182 integrantes da Rondalla e da Coral Polifónica de Brión e en agradecemento “polas veces que nos tivo que aguantar ata as tantas da madrugada ensaiando porque a peza non saía como don Isaac quería”.
Isaac Vázquez Alvite foi mestre e director das dúas agrupacións dende a súa fundación. Falecido en 1999, este profesor de música e guitarrista foi o impulsor dun proxecto musical nun municipio rural como Brión que acadou un notable nivel de calidade referendado por diversos premios e recoñecementos. A nivel individual, Vázquez Alvite foi distinguido co Premio Vagalume, outorgado polo Concello de Santiago de Compostela.
Compartir experiencias
Durante o acto de homenaxe proxectouse un vídeo que recollía varias actuacións da Rondalla Infantil e da Coral Polifónica de Brión, pois foron dúas entidades habituais en programas da TVG, sobre todo no acompañamento ás misas televisadas dos primeiros anos dos noventa. Rondalla e Coral adoitaban actuar xuntas e ofreceron máis dun cento de actuacións por distintas localidades da comarca e fóra dela: en Allariz, Arzúa, Vilagarcía, Terra de Montes, etc. Tamén actuaron no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, no Auditorio de Galicia e conseguiron numerosos premios e recoñecementos.
A concelleira de Cultura e antiga compoñente da Rondalla, Patricia Vázquez, lembrou que “aínda que a Coral era boa, non era nada sen aquela Rondalla que alongaba os ensaios dos venres e dos sábados. Lembro cando fomos a participar nun dos nosos primeiros concursos e ao chegar nos dixeron: aí vienen los paletos de la aldea. Adiviñan quen gañou o primeiro premio? Pois si, os paletos da aldea. E non foi a única”.
Un éxito no que a figura de Isaac Vázquez Alvite tiña gran influencia. “Cando empezaba a estirar a orella significaba que estaba saíndo fatal, o que supoñía dúas horas máis de ensaios”, lembra Patricia Vázquez, quen apunta que “co seu perfeccionismo se non estaba con el quería, non se facía”. Sen embargo, don Isaac tamén era comprensivo con aqueles que non tiñan tanto talento para a música: “o único requisito era que che gustara a música. Se o facías mal, don Isaac viña e che dicía: ponte na esquina e canta baixiño”, recordou Patricia Vázquez.
Chamamento á volta
A quenda de intervencións pechouna Ana Regueiro, en representación dos integrantes da Rondalla e da Coral, e coincidiu cos seus predecesores en que “foi unha etapa moi bonita, porque foron moitas horas que pasamos xuntos e ao final eramos como unha gran familia. De feito, de alí saíron outras moitas familias máis pequenas”. Por iso asegurou que “é unha pena que isto se perdera. Penso que deberiamos volvelo a intentar”.
O acto rematou coa entrega dun agasallo a todos os membros destas dúas entidades: un disco cunha primeira parte de música só instrumental, que fora gravada pola Rondalla Infantil de Brión nos estudos da Radio Galega o 7 de abril de 1993; e unha segunda parte que recolle pezas das Rondalla Infantil e da Coral Polifónica de Brión, foi gravada polos equipos da Radio Galega na igrexa parroquial de Bastavales o 26 de abril de 1996.
A Rondalla formárase no ano 1986 como escola de música. Comezou con 60 alumnos e nos cursos sucesivos nunca baixou de cen matriculados, aínda que para nas actuacións interviñan non máis de trinta. A Coral Polifónica creouse no ano 1991 e pasaron por ela 66 homes e mulleres durante os dez anos que durou. Ambas agrupacións desapareceron xuntas no ano 2001, apenas dous anos despois da súa fundación.
Na actualidade, o ensino e a promoción musical de Brión está institucionalizado na Escola Municipal de Música Magariños, que conta cunha nutrida matrícula; e conta con novas agrupacións como a Banda Municipal de Música, que vai camiño dos 17 anos e que se nutre dos alumnos da Escola Magariños; e tamén as Cantareiras de Altamira, que veñen de gravar un disco.











