Un centenar de persoas visitaron a obra de Antonio Fernández no Museo Provincial de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoTomiño
A-
A+
Participantes na visita

Participantes na visita

Case cen persoas participaron na visita do pasado domingo (29 de setembro) ao Museo Provincial de Lugo, para coñecer a sala dedicada ao pintor goianés Antonio Fernández.

A comitiva encabezada polo concelleiro tomiñés de Patrimonio, tenente de alcalde e deputado provincial, Uxío Benítez, foi recibida polo delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, que participou tamén na visita guiada pola sala dedicada ao pintor goianés, na que se atopa case unha vintena de obras das diferentes etapas do artista.

Dada a cantidade de visitantes, fixéronse tres percorridos guiados, que estiveron a cargo da directora do museo, Aurelia Balseiro García, Licenciada en Historia da Arte na especialidade de Museoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, e de persoal especializado.

Esta visita forma parte da programación “Ano Antonio Fernández”, organizada polo Concello de Tomiño e Comisión Antonio Fernández e inaugurada en agosto co I Certame de pintura ao aire libre, e que agora ten continuidade na exposición da obra do pintor, entre o 4 e o 20 de outubro no Centro Goianés.

Ademais, no mes de novembro, haberá un ciclo de cine; en febreiro de 2014, unha homenaxe musical, e durante todo o curso escolar, diferentes actividades nos centros educativos do municipio.

2 de outubro de 2013 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.