Tres concertos conmemoran en Ferrol o 150 aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, presentou esta mañá o programa conmemorativo do 150 aniversario de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro. Esta celebración permitirá contribuír á difusión e divulgación da súa obra na cidade, como sucedeu o pasado ano coa figura de Celso Emilio Ferreiro. A edil ferrolá estivo acompañada polo coordinador do proxecto “A miña primeira Rosalía”, Xermán Lastra.

Martina Aneiros destacou que a publicación de Cantares Gallegos “supuxo un remuíño decisivo na obra rosaliana, e tamén un paso estratéxico de gran transcendencia para o futuro da nosa literatura”. Así, sinalou a importancia da data de publicación desta obra “que se reflicte no feito de converterse en referencia para os membros da Real Academia Galega para establecer hai 50 anos o 17 de maio como Día das Letras Galegas”. Ademais, a edil lembrou que o Concello de Ferrol xa realizou un acto de homenaxe, o pasado mes de abril, que tivo lugar na praza de Rosalía de Castro e que contou coa colaboración de diferentes entidades cidadás.

O programa conmemorativo está composto por un conxunto de actividades para a cidadanía en xeral e para os centros de ensino en particular. Entre as actividades programadas destacan os concertos “A miña primeira Rosalía”, un espectáculo en que se interpretarán varios poemas da obra Cantares Gallegos a cargo dun elenco de recoñecidos músicos como a ferrolá Martía Manuela, Mini, Mero e Xiana Lastra. De maneira máis concreta, serán tres concertos e terán lugar este venres, día 11 de outubro, no Teatro Jofre. As dúas primeiras actuacións serán  realizadas en dúas sesións, a primeira ás 10:45 e a segunda ás 12:00 horas, e están dirixidas ao alumnado de 6º de Educación Primaria, Secundaria, Bacharelato e ciclo formativos. A demanda de prazas por parte dos centros de ensino supuxo a ampliación de un a dous concertos e a día de hoxe están cubertas todas as prazas para os escolares. A terceira actuación de “A miña primeira Rosalía en concerto” será ás 21:00 horas e está dirixida para a cidadanía en xeral. As entradas, de carácter gratuíto, poderanse recoller no teatro municipal en horario de mañá e tarde.

Por outra banda, esta actividade será complementada coa distribución ás bibliotecas dos centros educativos da cidade do libro A miña primeira….Rosalía de Castro, unha obra que nace coa intención central de achegar e redescubrir a figura da poetisa galega e da súa obra Cantares Gallegos. O volume, que contén un disco, ofrece unha biografía, unha antoloxía e varios poemas musicados e cantados.

Obradoiros en torno á figura de Rosalía

Por último, a programación inclúe dous obradoiros en torno a obra de Rosalía de Castro, que se desenvolverán nos centros de ensino que os soliciten e que permiten unha achega á obra rosaliana a través dunha actividade lúdica. Os obradoiros que terán o seu contido adaptado á idade do alumnado serán os seguintes: A paisaxe de Rosalía, dirixido aos máis pequenos, Educación Infantil e Primaria; e Renova a camisola con Rosalí, adicado aos últimos cursos de Primaria e todo o alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

8 de outubro de 2013 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.