Tomiño inviste 270.000 euros na execución da primeira fase da modernización da praza de abastos

Tarefas de restauración da praza de abastos
O goberno local de Tomiño vén de iniciar as obras de reforma e modernización da Praza de Abastos. Trátase da primeira fase da intervención, na que se investirán 270.000 euros (120.000 aportados pola Consellería de Economía e Industria e 150.000 polo propio Concello).
Nesta primeira fase procederase á reforma da cuberta, coa colocación dun novo tellado e á impermeabilización total do edificio, que sofre graves problemas de humidades.
Asemade, se substituirá totalmente a carpintería exterior do edificio, iluminación e revestimentos da fachada, instalación de novas canalizacións e baixantes e pavimentación da planta alta do edificio.
A intervención forma parte dun proxecto xeral de modernización das instalacións da praza de abastos, considerado prioritario polo goberno local nesta lexislatura, e que consistirá non so na reforma e mellora do edificio a nivel estrutural e de condicións hixiénico-sanitarias, senón tamén, na creación dun centro de comercio local, en cuxas características e dotacións está traballando o equipo de goberno, co asesoramento dunha consultora especializada.
“A aposta municipal é, por un lado, conservar e por en valor o edificio da praza de abastos, que consideramos emblemático na zona do Seixo; e por outro, dinamizar o comercio local e a vida social dos veciños e veciñas, coa posta en marcha de novas iniciativas empresariais e comerciais, reformulación dos usos e espazos actuais, e posibilidade de xerar novos postos de traballo”, explicou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Para abordar este último aspecto, o Concello está promovendo xuntanzas con praceiros, empresarios, comerciantes, novos emprendedores, vendedores ocasionais, produtores locais e compradores, coa idea de encher de “contido” a futura praza, incluída a planta superior; na actualidade en desuso. A través dunha metodoloxía participativa, o goberno pretende consensuar ás decisións que se vaian tomar respecto ás obras do futuro centro de comercio local.
Por outra parte, o proxecto enmárcase dentro dunha serie de actuacións que o Concello de Tomiño leva adiante para a remodelación urbana do Seixo, coma a apertura dunha nova rúa céntrica e outras alternativas nas que se está traballando.











