Tomiño inaugura a exposición-homenaxe a Antonio Fernández

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTomiño
A-
A+
Inauguración da mostra

Inauguración da mostra

A exposición “Antonio Fernández: Pintor de tres mundos”, será inaugurada esta tarde no Centro Goianés, e permanecerá aberta ata o día 20 de outubro. Organizada polo Concello de Tomiño e a Comisión Antonio Fernández, a mostra foi presentada este mediodía ante os medios de comunicación, por Carlos L. Bernárdez, comisario da exposición e crítico de arte; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e membros da comisión organizadora.

A exposición, composta por unha vintena de cadros (entre os que se atopan paisaxes, escenas costumistas, retratos, etc.), foi cualificada polo comisario coma “excepcional”, tanto pola súa calidade, coma por tratarse da primeira destas características que se realiza en Galicia.

“Esta é unha exposición excepcional no contexto dunha vila coma esta, xa que se trata duna mostra que podería estar en calquera cidade”, apuntou Carlos L. Bernárdez.

O crítico de arte explicou que a obra do artista goianés ten tres etapas ben diferenciadas: a primeira, que transcorreu en Brasil (país ao que emigrou con 12 anos), Italia (onde perfeccionou e desenvolveu unha parte fundamental da súa obra ) e Goián (a súa vila, á que regresa na madurez e onde comeza a súa etapa de vinculación con outros artistas e coa sociedade en xeral. É neste período no que Fernández dáse a coñecer como investigador preocupado polo patrimonio arqueolóxico, a educación dos seus veciños (doou terreos para a construcción do colexio) e a formación doutros artistas, como Xavier Pousa, que foi un dos seus discípulos.

Con respecto á obra do pintor, o comisario da exposición, salientou os seus paisaxes, sobresaíntes polo seu grao de captación da natureza e pola súa luminosidade. É o caso de “Antícoli”, vila rural italiana na que o autor pasou longos períodos. Outra das obras que poden contemplarse (neste caso por 1ª vez en Galicia) é unha das máis coñecidas e características de Fernández (“Volta ao aprisco”. 1920), de considerables dimensións.

A alcaldesa de Tomiño, pola súa banda, explicou o xurdimento do proxecto, no que participaron ademais do Concello, colectivos culturais e veciñais da parroquia de Goián, aos que agradeceu o seu esforzo e tesón. Tamén a xenerosidade dos particulares e organismos que prestaron as obras (fundacións (Xavier Pousa, Mª José Jove, etc.), galerías de arte (José Lorenzo. Santiago; Montenegro. Vigo), Museo Quiñones de León e coleccións particulares).

José Manuel Villa, expresou en nome dos veciños e veciñas goianeses a gran satisfacción pola organización do evento. “Estamos moi contentos porque Goián lle debía algo a Antonio Fernández”, comentou.

A exposición forma parte do “Ano Antonio Fernández”; unha serie de actos organizados durante 2013 e 2014 e que comprenden, certames de pintura, visitas guiadas, excursións a museos, actividades escolares, ciclos de cine e música, etc.

A mostra, que será inaugurada esta tarde (20.00 hs.) poderá visitarse ata o domingo 20 de outubro, todos os días, de 10 a 23 horas. Os martes, mércores e xoves de 19 a 21 horas, haberá visitas guiadas para o público, e organizaranse  tamén percorridos para colectivos específicos.

4 de outubro de 2013 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.