Tomiño debate con veciños e comerciantes o futuro da praza de abastos local
Desde hai uns meses, o Concello de Tomiño está a desenvolver un proceso participativo no que, distintos veciños e veciñas están sendo consultados, para garantir que os cambios na praza de abastos respondan ás necesidades e desexos da poboación.
Nesta rolda de entrevistas e reunións, ocupan un lugar destacado os propios praceiros e comerciantes en xeral, xa que a eles será a quen máis afecten directamente os cambios. Os primeiros foron xa entrevistados para recoller as súas demandas de xeito individualizado, e no caso dos comerciantes, foi a directiva de ADETO (Asociación de Comerciantes) quen os representou nun grupo de debate, aínda que está previsto realizar novas reunións con máis empresarios.
Outro grupo ao que está prestando especial atención dende o Concello, é o dos novos emprendedores, xa que un dos obxectivos é incrementar o número de postos e a variedade dos mesmos. Nesta etapa inicial os emprendedores consultados foron aqueles que xa estaban apuntados no servizo de desenvolvemento local, pero agárdase que a difusión deste proxecto, faga posible que outras persoas se animen a solicitar información e a levar adiante novos proxectos.
A captación de novos clientes para a praza de abastos é, sen dúbida, unha das maiores preocupacións do equipo de goberno, por iso estanse celebrando consultas entre distintos sectores da poboación. Neste sentido, a opinión dos novos veciños, cuxo número se incrementou sensiblemente nos últimos anos, é tamén de gran interese, xa que moitos proceden de cidades próximas, nas que seguen a desenvolver o seu traballo, e nas que aínda seguen tamén a resolver gran parte das súas necesidades de consumo. Facer que a nova praza resulte atractiva para este grupo, que poderíamos cifrar en mais de 4000 persoas, considérase de vital importancia para o proxecto.
Nos meses de setembro e outubro, máis de 60 persoas de distintas profesións e perfís sociolóxicos, teñen participado nestes debates que se prolongarán durante o mes de novembro, cun grado de satisfacción moi alto por parte dos organizadores, xa que o proxecto é acollido sempre con entusiasmo polo participantes, e son moitas as ideas e suxestións que van aparecendo.
Aínda que as conclusións finais non chegarán ata mediados de decembro, si podemos adiantar que, maioritariamente, os veciños consultados, consideran que o edificio da praza de abastos de Tomiño é un elemento urbano importante, e que a reforma debe facer del un lugar de encontro da poboación tomiñesa e o eixo da vida comercial local, sen por elo deixar de ser ambiciosos e aspirar a ter unha praza de abastos capaz de atraer a público foráneo, e poñendo sempre o acento en que debe destacar pola calidade e autenticidade dos produtos ofertados.
Está previsto que a obra de reforma se desenvolva en tres fases, das que a primeira xa está en marcha e afecta a elementos estructurais como o tellado. Unha vez rematado este proceso participativo do que falamos, e redactado o proxecto de uso que resulte da rolda de reunións, iniciarase a reforma interior do primeiro andar, e posteriormente a do segundo, que quedará así incorporado á actividade comercial da praza.











