Todo a punto para o segundo Mercado Local Xusto de San Sadurniño
O Concello de San Sadurniño publicou esta mañá a lista definitiva de expositores admitidos para a segunda edición do Mercado local xusto, que terá lugar no contorno da praza do Concello e do convento do Rosario este domingo. En total hai 133 admitidos entre postos de artesanía, produtos ecolóxicos e de horta, viveiros e artigos de segunda man. Unha cifra que obrigou ao departamento de Cultura a ampliar o espazo para darlles cabida a todos eles.
Por actividades son os grupos de artesanía e de segunda man quen máis presenza van ter no mercado xa que entre os dous sumarán 112 expositores. Canda eles tamén se poderá atopar unha completa variedade de produtos da terra e transformados comercializados tanto por cooperativas como por pequenos produtores. Neste caso confirmaron a súa asistencia 6 viveiros de planta e flor e 25 expositores centrados nos cultivos ou na recolección de froitos de temporada como as castañas ou os cogomelos.
A distribución do mercado será semellante á da primeira edición: os viveiros irán na parte traseira do convento, a comercialización de produtos alimentarios e de comercio xusto disporase no adro, a artesanía irá para a praza do Concello e a segunda man utilizará para asentar o espazo do aparcadoiro do cemiterio. Porén, o número de inscricións levou ao departamento de Cultura e Participación veciñal a darlle entrada a máis postos fronte á casa consistorial e a incorporar como superficie expositiva a parte dianteira da casa da Cultura máis un anaco da beirarrúa do centro de saúde que non interfire no seu funcionamento.
Meteogalicia anuncia unha xornada de domingo de nubes e claros con choivas a partir da tardiña. Un día típico de outono con temperaturas agradables que animarán a centos de visitantes a facer algunha compra no mercado e, de paso, dar unha volta por San Sadurniño. O Concello confía en que o tempo e a variedade da oferta convirtan o mercado nun éxito de público no que, ademais, os expositores poidan facer un bo día. O titular de Cultura, Manolo Varela, sinala que as expectativas que levanta o mercado tanto nos comercializadores como no público “anímanos a continuar co proxecto para conseguir que se asente en catro citas anuais, das que dúas cadrarían coa feira da plantación da primavera e coa feira rural do verán mentres que as outras serían no outono e a primeiros de ano, cadrando co entroido”.
Segundo o concelleiro, o obxectivo do mercado é ofrecerlles aos pequenos comercializadores, produtores e cooperativas “un espazo máis no que darlle saída aos seus artigos ao tempo que recuperamos a actividade comercial directa, sustentable e de proximidade das feiras de antano como alternativa ás grandes superficies e aos mercados globalizados”.











