Titzina Teatre estrea por primeira vez en España “Distancia siete minutos” no FIOT de Carballo

Presentación de “Distancia siete minutos”
“Todo comeza cunha chamada”. Así explica Diego Lorca, un dos dous integrantes xunto con Pako Merino da compañía catalá Titzina Teatre, como principiou a idea de que a súa compañía estrease no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) a súa última produción “Distancia siete minutos”. Titzina e Carballo viviron unha relación moi próxima dende o nacemento da compañía, hai xa doce anos, xa que trouxeron ao FIOT a súa primeira proposta “Jolie a deux / Sueños de psiquiátrico” e dende entón teñen presentado en Carballo, no marco do festival con “Entrañas”, pero tamén na programación estable dos Venres Culturais con “Exitus”, os tres traballos que teñen realizado ata o momento.
Polo tanto, a idea é froito da confianza mutua xurdida desta relación, por parte do festival na compañía, a primeira non galega que estrea en España no FIOT, feito que subliña Alberto Sueiro, presidente da AC Telón e Aparte; e tamén por parte de Titzina no FIOT, “pola calidade da programación e polo cariño que hai aquí polo teatro”, en verbas de Lorca. Todo unido a que sempre teñen rexistrado cheo de público nas súas visitas, un aliciente máis para presentar en Carballo “Distancia siete minutos” porque “é como xogar en casa”, segundo Pako Merino, nun lugar “onde estamos moi cómodos”.
A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, tamén quixo subliñar o “orgullo” e o “privilexio” que supón para o FIOT contar con esta compañía “vella amiga” de Carballo. Respecto do proceso creativo para construír “Distancia siete minutos”, como en propostas anteriores, Pako Merino e Diego Lorca realizan unha importante laboura de investigación e de traballo de campo, neste caso nun cárcere. Partiron do obxectivo de reflexionar sobre a felicidade e a súa busca incesante. Despois de abordar en proxectos anteriores a loucura, a guerra ou a morte, quixeron desta volta centrarse neste concepto, en principio máis optimista, especialmente contrastando a idea con lugares, como un cárcere, onde “a priori é difícil encontrar a felicidade”, explica Lorca. A proposta navega pola traxicomedia e conta cos sinais característicos e recoñecibles de Titzina. Porén, o espectáculo, segundo resaltan tamén dende a compañía, reflicte “a evolución positiva como persoas e creadores” que teñen experimentado dende o seu nacemento, cunha dramaturxia cada vez máis traballada e procurando sempre, como “obriga”, que o público “estea conectado emocionalmente” e de forma “constante” co que ocorre no escenario. E, por suposto, tomando e aceptando riscos, “enfrontándose ao novo” e engadindo elementos para seguir avanzando, en verbas de Lorca.
Para os seguidores máis incondicionais da compañía, hai que mencionar que de novo Pako Merino e Diego Lorca interpretan todos os personaxes, introducen as distintas escenas co seu dinamismo habitual e que, despois de realizar unha xira por Arxentina, teñen recibido, como os traballos anteriores, o apoio da crítica e do público. A cita é o venres 25 de outubro a partir das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. E o voves 24 Pako Merino e Diego Lorca manteñen un encontro con todos os espectadores que así o desexen no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas no marco do ciclo “Café con…”. As entradas para asistir a este espectáculo están esgotadas dende primeiros de outubro.











