Teo organiza unha excursión ás termas de Outariz dirixida a mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A concellaría de Benestar e Igualdade, dirixida por Ignacio Iglesias, organiza unha excursión ás termas de Outariz en Ourense o vindeiro 27 de outubro. A particularidade desta actividade é que está dirixida exclusivamente a mulleres, con preferencia para as menores de 65 anos. As mulleres teenses que queiran participar xa se poden anotar no Centro de Información á Muller de Teo ou chamando ó teléfono 981 809 707.

Esta saída estaba programada para o mes de marzo dentro dos actos do día da muller e tivo que ser suspendida polo mal tempo. Segundo explican dende Benestar a saída está prevista para as 08:30 horas dende a Casa do Concello. Durante a xornada farase a visita ás termas de Outariz cun circuíto termal, a comida será no castelo de Maceda e rematarase no mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil. A actividade é de balde aínda que o xantar e o acceso ás termas corre de conta de cada participante. A comida ten un custe de 18 euros e a entrada ás termas de 4,5 euros. As inscricións péchanse o 21 de outubro.

Feira de Santos

Pola súa banda este mes a excursión do programa para persoas maiores Coñece o teu País farase o 1 de novembro á famosa feira de Santos en Monterroso. A inscrición para esta excursión péchase o 15 de outubro e para participar chega con chamar ó teléfono 981 809 707. Coñece o teu País é un programa de excursións mensuais dirixido aos maiores de 60 anos ou de 50 se xa son pensionistas organizado dende o departamento municipal de Benestar.

9 de outubro de 2013 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.