Teo incrementa nun 13% a partida económica adicada ás bolsas de ensino e transporte
O Concello de Teo acordou este ano incrementar en case un 13% a partida económica adicada á convocatoria das bolsas de ensino e transporte para este curso 2013/14, pasando de 31.000 a 35.000 euros. Este esforzo económico realízase “conscientes da importancia destas axudas para moitas familias e tendo en conta que o ano pasado se sacou unha segunda convocatoria para cubrir as solicitudes con dereito a axuda xa que a primeira esgotou a partida dispoñible” explica María Álvarez Garea, concelleira de Educación. Deste xeito “apostamos por seguir apoiando o ensino público e sobre todo ás familias con menos recursos, xa que o determinante para a concesión das bolsas é o criterio económico” destaca a edil.
As bases completas que rexen esta convocatoria publicáronse no BOP de onte 29 de outubro. O prazo para solicitar a axuda é de 20 días hábiles contados dende hoxe polo que remata o 23 de novembro. Pódese consultar esta información na web municipal e os impresos de solicitude tamén se poden recoller nas oficinas xerais do Concello.
A convocatoria anual de bolsas ten dúas modalidades destinadas a subvencionar o material escolar ou o transporte. No caso das axudas ó ensino o importe por alumno e curso é de 100 euros en infantil, 80 euros en primaria, ESO, PCPI ou alumnado con necesidades especiais e 200 no bacharelato, F.P., Universidade e ensinanzas artísticas superiores. Os importes para as axudas ó transporte son 100 euros para os centros situados en Santiago de Compostela e de 200 para os que están fóra de Teo ou de Compostela.
Segundo se estipula nas bases desta convocatoria de axudas a valoración das solicitudes farase tendo en conta o criterio económico da renda per cápita familiar. Ademais deso terase en conta si algún membro da unidade familiar ten unha minusvalía igual ou superior ó 33% e se o pai/nai ou titor do estudante acredita a situación de desemprego durante máis de seis meses no ano 2013.











