Tempos para compartir volve a San Sadurniño cun obradoiro para elaborar cestos de papel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ana Lamas e Abel Vega converteranse este sábado en docentes dun dos obradoiros itinerantes do programa Tempos para compartir. Tras o parón do verán, Tempos… retoma a actividade mostrándonos como facer pequenos cestos para ter recollidas cousas liviás como poden ser novelos, fíos, servilletas ou o que se nos ocorra. A cita -para a que se cubriron xa as prazas ofertadas- será na casa da Cultura a partir das 17 horas.

Os cestos faranse de papel. Un material de reciclaxe máis doado de manexar e tecer que o vimbio e que, debidamente tratado con vernices, pode ser moi resistente e duradeiro. 

En calquera caso, o importante do obradoiro é que Abel Vega e Ana Lamas -os dous veciños de Igrexafeita- nos van ensinar a técnica de ir entrelazando tiras lonxitudinais e transversais tal e como se fixo toda a vida ata que o plástico se fixo dono e señor do mundo actual. Sabendo como se fai a urdime o material é -case- o de menos e con algo de práctica poderemos saltar á palla, ao vimbio ou aos xuncos para facer outro tipo de labores.

Tempos para compartir é unha proposta municipal que busca poñer en valor o tempo e o saber daquelas persoas que teñen habilidades ou coñecementos e que queren que os demáis tamén os teñan. Como facer marmelo, como facer xabóns para a máquina lavalouzas, como facer conservas, como facer broches de fieltro, como facer cestos, como… o que se nos ocorra ten cabida en Tempos para compartir. 

Quen queira compartir os seus saberes pode pasar polo Concello ou chamar ao 981 490 027 para inscribirse como docente dun destes obradoiros que se celebran nunha parroquia distinta cada primeiro sábado de mes. O departamento de Igualdade e a Rede CeMIT traballan xa para que todo este saber que se vai acumulando poida compartirse aínda máis utilizando a internet. Por iso o espazo falamedesdansadurnino.org incorporará documentos, receitas, sons e incluso videos sobre os obradoiros.

4 de outubro de 2013 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.