Técnicos de Augas de Galicia visitan Piñeiro e Tapia para realizar o traballo de campo previo á redacción do proxecto de saneamento

Visita dos técnicos
A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ames, María Eugenia Martín, acompañou a pasada semana a varios técnicos de Augas de Galicia nun percorrido polas parroquias de Piñeiro e Tapia co obxectivo de que puidesen recompilar datos para comezar a redacción do proxecto de saneamento nesta zona e en Troitosende, municipio de A Baña.
María Eugenia Martín guiou aos técnicos no seu traballo de campo, que se basea no anteproxecto presentado polos concellos de Ames e a Baña á Xunta de Galicia. Tras a visita, a concelleira de Medio Ambiente destacou que “se trata dunha obra moi demandada polos veciños/as de Ames desde hai moitos anos” e que o obxectivo “é dar resposta e cumprir cos veciños/as destas parroquias”.
Este anteproxecto foi presentado o pasado mes de abril ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, por parte do alcalde de Ames, Santiago Amor, e do rexedor da Baña, José Andrés García Cardeso. Nese encontro, os dous rexedores pedíronlle ao conselleiro apoio económico da Xunta de Galicia para dotar de saneamento ás parroquias amienses de Tapia (núcleos de Frenza e Vilouta), Piñeiro-San Mamede (lugares de Rúa, Vilaverde, Fernande, Balindo, Covas e San Mamede) e na bañesa de Troitosende (nos núcleos de Menlle de Arriba, Menlle de Abaixo, Vilela, Quintáns, Troitosende, Portochán e Vilacoba).
Santiago Amor e José Andrés García Cardeso expresaron no encontro mantido con Agustín Hernández en abril a súa intención de realizar conxuntamente esta actuación, que conta cun investimento superior aos 1,8 millóns de euros. Por iso, os rexedores de Ames e A Baña solicitaron colaboración á Xunta de Galicia para poder afrontar a realización desta obra.
No anteproxecto sublíñase que no saneamento empregarase un sistema que permite mellorar o tratamento das augas residuais, xa que a tendencia actual é a concentración do saneamento de áreas cada vez maiores nunha única EDAR. Este sistema permite beneficios como seleccionar unha EDAR afastada dos núcleos de poboación, facilita a escalabilidade do sistema e, polo tanto, a progresiva incorporación de novos núcleos e limita os puntos de vertido ó medio natural. Deste xeito, contribúese á conservación da calidade do entorno natural.











