Técnicos autonómicos visitarán as instalacións de Peña para decidir sobre o seu futuro
O alcalde, Tomás Fole, desprazouse esta mañá a Santiago para abordar co secretario xeral de Industria a situación actual da fábrica de Peña despois do verquido de fuel oil rexistrado o venres. O rexedor, explicou ao seu regreso que as actuación máis inmediata acordadas foron garantir o cese do verquido que chegou ao mar e adoptar as medidas de precaución e de seguridade necesarias. A continuación, técnicos da consellería visitarán as instalacións de Vilaxoán para avaliar o seu estado e determinar o seu futuro
Despois de executado o proceso de concursal de Alfageme, e despois de que quedara deserta a subasta da fábrica de Peña, o actual titular das instalacións de Vilaxoán é o Igape. O verquido de fuel oil producido o venres pola mañá puxo en evidencia o mal estado no que se atopan as instalacións que foron obxecto de destrozos, actos vandálicos e incluso substracción de materiais. O roubo ou quizás o sabotaxe son as posibles causas que se manexan para explicar o verquido producido pola rotura da válvula de apertura dun dos tres depósitos de fuel oil que se atopaban cheos dentro da fábrica. O combustible foise derramando polo chan na nave, colouse polos aliviadeiros e chegou ao mar a través dos desaugues de pluviais que xa foron selados.
O alcalde trasladou a súa preocupación polas consecuencias do verquido e pola situación da fábrica ao conselleiro de Economía e Industria con que falou telefonicamente o domingo e hoxe insistiu nestes aspectos ao secretario xeral. Fole explicou que a mesma preocupación manifestaron ámbolos dous responsables autonómicos que se comprometeron a tomar todas as medidas necesarias para solventar o problema e minorar as posibles repercusións do verquido no mar.
De feito, comunicáronlle que a Consellería de Economía xa está en contacto cos respectivos departamentos de Mar e de Medio Ambiente para estudar a posibilidade de interpoñer as denuncias que procedan (por allanamento, roubo, delito medioambiental…), así como para adoptar medidas relativas a garantir a seguridade nas instalacións. Ademais, os técnicos da Consellería visitarán en breve á fábrica para decidir sobre o seu futuro.
O alcalde agradeceu a axilidade coa que actuou a Xunta para atallar o problema do verquido e previr que actos como este se volvan a repetir.











