Támara Echegoyen impartirá unha clase maxistral en augas coruñesas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

Nunha iniciativa de Movistar e coa colaboración da Federación Galega de Vela, os mellores regatistas do mundo viaxan a Galicia para ofrecer unha serie de Master Class entre os meses de setembro e outubro. Támara Echegoyen, campioa olímpica de Match Race en Londres 2012, será quen se poña á fronte da próxima clase maxistral e farao en augas da localidade coruñesa de Portosín.

Despois de que o pasado fin de semana os tamén campións olímpicos Fernando Echávarri e Iker Martínez ofrecesen un clinic para o público galego en Vilagarcía e Praia América (Nigrán, Pontevedra) respectivamente, chega a quenda dunha das dúas medallas de ouro que o deporte da vela traía a España nos últimos Xogos Olímpicos: a ourensana afincada en Pontevedra Támara Echegoyen será a encargada de poñerse á fronte do sexto clinic de Movistar.

Durante toda unha xornada, un grupo de 16 participantes divididos en dúas quendas e inscritos previamente a través da web vive.movistar.es, gozarán dunha experiencia única: navegar nun cruceiro baixo as ordes dunha das mellores regatistas do mundo, e é que precisamente esta semana se fixo público que o próximo 29 de outubro a regatista Movistar recibirá a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo.
 
Máster Class de vela cruceiro coa campioa olímpica

Sen lugar a dúbidas Támara Echegoyen converteuse en todo un exemplo de superación. Valores tan importantes como o traballo e o esforzo por mellorar cada día levaron á regatista Movistar a colgarse o galardón máis importante para calquera deportista, e fíxoo converténdose na primeira medalla de ouro olímpica na historia do deporte galego feminino.

Agora a regatista galega está inmersa no seu novo proxecto olímpico na clase 49er Fx, pero non quixo perder a oportunidade de pasar uns días na casa e unirse ás Máster Class que Movistar organiza xunto coa Federación Galega de Vela, e é que ademais da vela olímpica Echegoyen tamén conta con grande experiencia na vela cruceiro, modalidade na que impartirá o clinic do próximo sábado.

Nesta ocasión o Real Club Náutico de Portosín, situado na provincia da Coruña, será o punto de encontro de todos aqueles afeccionados á vela que queiran compartir unha xornada de navegación coa campioa olímpica e mellorar os seus coñecementos de vela cruceiro.

9 de outubro de 2013 | 15:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.