Talleres de teatro, manualidades e contacontos para o público infantil en Cervo
O Concello de Cervo deu a coñecer hoxe as primeiras actividades incluídas no programa de outono de 2013 que se desenvolverán esta fin de semana. En concreto, dende venres ata domingo, ofreceranse eventos participativos para nenos e nenas que inclúen teatro, obradoiros e contacontos.
O venres arrincará o primeiro evento, o taller de teatro infantil, no que se poden apuntar os nenos e nenas de primaria ata o día 10 de outubro na Casa da Cultura. Polo momento xa se están superando os niveis de demanda con respecto a anteriores edicións. Esta actividade terá lugar todos os venres de outubro, novembro e decembro de 16:30 a 17:30 na Casa da Cultura, agás os festivos, e durante as sesións os nenos e nenas aprenderán a desenvolverse sobre o escenario, interactuando cos compañeiros e representando unha peza teatral.
O Ecomuseo de Cervo acollerá o sábado día 12 a partir das 12:30 horas un taller de outono dirixido a nenos e nenas de segundo ciclo de infantil. Unha actividade na que os pequenos realizarán manualidades con materiais e temáticas relacionadas coa estación do outono. Para participar tamén é necesario inscribirse, e para iso poderán acudir á Casa do Concello e á Casa da Cultura ata o día 11.
A fin de semana rematará co contacontos “Un día de outono”, a cargo do Rincón do Trasgo, que terá lugar o día 13 de outubro ás 17:00 horas na Casa da Cultura. Neste caso o público recomendado serán os nenos de infantil e primaria, que ao remate do contacontos poderán participar nun taller de manualidades de outono. Neste caso non é necesaria a inscrición.
Estas iniciativas inclúense nun programa máis amplo de actividades previstas para os meses de outubro e novembro que se dará a coñecer ao longo desta semana e no que traballaron en conxunto numerosas áreas do goberno local.











