Talía Teatro inaugura este xoves no Teatro Principal o ciclo “Ponteatro” coa obra “O método Grönholm”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalPontevedra
A-
A+

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro Portela, presentou esta mañá acompañada de María Ordóñez e Artur Trillo, de Talía Teatro, a primeira das 7 obras que conforman o ciclo teatral “Ponteatro. Os xoves bótalle teatro á vida”. Será este xoves 17 ás 21 horas no Teatro Principal cando o público poida gozar da comedia “O método Grönholm”, dirixida por Xúlio Xúlio Lago e protagonizada por Toño Casais, Artur Trillo, María Ordóñez, Dani Trillo.

Ese mesmo día pola mañá, ás 11:30 horas, haberá un pase concertado concentros escolares de secundaria, xa que como recalcou Artur Trillo “é un xeito xenial de achegar o teatro aos máis xoves, con este espectáculo de gran formato que os escolares non poderían asumir de no ser polo Concello”

As entradas para asistir á función en aberto están á venda na web de servinova ou na súa billeteira telefónica (902 04 00) a un prezo de 8€ (+ gastos de xestión) e 4€ para estudantes, parados e xubilados (+ gastos de tramitación). O mesmo día da función, na billeteira do Teatro Principal unha hora antes do incio.

Aínda se poden mercar abonos para asistir ás 7 funcións que terán lugar no Teatro Principal e o Pazo da Cultura, por un prezo de 42€ + gastos (28E+ gastos para estudantes, parados e xubilados).

A OBRA

Tal e como comentou Artur Trillo, que forma parte do reparto da obra, “O método Grönholm ten visos comerciais, sobre todo pola película, baseada no mesmo argumento. É unha historia potente do ano 2003, que tivo unha magnífica crítica e que  os tempos que corren, puxeron de novo de relevancia ao tratar sobre o tema do traballo”.

Na Sala de Reunións dunha empresa multinacional comparecen catro  aspirantes a ocupar un cargo executivo importante. A razón da súa  presenza alí é que todos eles foron convocados a unha última proba na  que a Empresa decidirá quen dos catro é o elixido para o posto. A proba  nesta ocasión vai ser conxunta realizándose polos catro aspirantes ao  tempo.

Ao pouco de dar comezo vai quedando claro para todos os  aspirantes que aquela non é unha proba convencional. Todos , tres homes e  unha mulle, son profesionais con ampla experiencia, con cargos  importantes en outras empresas na actualidade-, afeitos a superar todo  tipo de desafíos para alcanzar os obxectivos…..Pero esta experiencia, na  que entra en xogo o Método Grönholm, e unha experiencia distinta.

Un xogo constante entre verdades e mentiras, moi empregado polo autor do texto orixinal, Jordi Galcerán (fetiche da compañía, xa que segundo nos conta María Ordóñez, é a terceira das obras del que versionan, logo de Dakota e Palabra encadeadas) e que segundo palabras do actor Artur Trillo, “combina o humor e o drama, nun texto moi equilibrado, cun trasfondo duro”

Unha comedia de unha hora e media de duración, en galego e non recomendada a menores de 13 anos.

A COMPAÑÍA

Talía Teatro é unha compañía teatral creada en 1988, con un selo propio e orixinal. Os seus espectáculos son unha marca con denominación de orixe que definen un estilo e unha forma de facer teatro.

25 anos despois do seu inicio, tense consolidado como unha das compañías galegas de maior prestixio e repercusión e ten afianzado un proxecto empresarial que xenera cultura e ilusión, ao mesmo tempo que consolida un equipo de traballo estable e que como conta Artur “somos un grupo de 9 persoas, estables, que permiten que cada ano se afronte máis dun espectáculo”

Desde os seus inicios, a compañía perseguiu a dignificación do teatro. Aínda que se dirixe a un amplo abano de espectadores, tamén presta unha especial atención teatro infantil e xuvenil por que considera que a creación de novos públicos é unha das asignaturas pendentes do teatro feito en Galicia.

O traballo da compañía ten sido merecedora de numerosos premios que podedes consultar na súa web: www.talíateatro.es

15 de outubro de 2013 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.