Sueiro formaliza no pleno do Carballo a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do Partido Popular

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Sueiro durante a renuncia como concelleiro

Sueiro durante a renuncia como concelleiro

A sesión plenaria ordinaria do mes de outubro supuxo a formalización da renuncia ao seu cargo do concelleiro e voceiro do grupo municipal do Partido Popular, Alberto Sueiro Pastoriza despois de 10 anos como líder local do PP (na imaxe no centro, a carón do que será o número 1 do partido a partir de agora ao ser o seguinte na listaxe, Miguel Ferreiro -dereita-; e do concelleiro Juan Carlos Castro). Nunha intervención breve, quixo agradecer a colaboración “dos que se aventuraron comigo” xa que “tiven moito apoio e moita crítica cando fixo falta”. Manifestou que na súa traxectoria municipal defendeu un “modo de entender a política en Carballo” coa intención “de ser honesto e de facelo o mellor posible”. Desexoulle “sorte aos compañeiros corporativos porque non é fácil administrar Carballo” e pediu que traballen “na defensa do interese común dos carballeses, conscientes de que somos un gran pobo”. Nun ambiente distendido e no que non faltaron as bromas, os voceiros dos distintos partidos tiveron tamén verbas de despedida. O último en falar o Alcalde, Evencio Ferrero, quen defendeu a “lealdade e defensa de Carballo” por parte dos corporativos xa que “todos desexamos o mellor para o propio”. Lembrou a “longa historia” vivida “na que tivemos ocasión de compartir proxectos e ilusións” e de buscar “o mellor para Carballo”. E para rematar referiuse ao “amigo Alberto” para desexarlle “longa vida e moitos éxitos”. Previamente, por parte do PSOE falou José Antonio Viña, que subliñou que “onde vía un veciño vexo unha persoa que valoro e aprecio”; o líder de TEGA, Manuel Andrade, salientou que Sueiro “foi un dos poucos líderes do PP co que cheguei a entenderme” e bromeou dicindo que “cando marcha é cando a xente aposta por el”; o voceiro do BNG, Xosé Regueira, asegurou tamén entre bromas que botará de menos os debates con Sueiro, “un barómetro co que medía o meu grao de implicación marxista”. E tamén o seu compañeiro Miguel Ferreiro, a partir de agora número 1 do PP carballés, quixo resaltar que Alberto Sueiro “marcha por motivos persoais e profesionais”, xa que “nós estabamos encantados con el”. Para Ferreiro, Sueiro “foi xeneroso na retirada e un cabaleiro da política” desexándolle, para finalizar “todos os parabéns e toda a sorte do mundo”. A sesión contou con outros asuntos na orde do día, como a aprobación inicial para a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora pola taxa do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais para 2014 e da Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potable para 2014. En ámbolos dous casos o cambio supón unha suba na cota dun 0,3 por cento.

Na Ordenanza nº 10, polo servizo de evacuación á rede de sumidoiros a cota de mantemento sería de 4,60 € ao trimestre; a de consumo industrial de 0,4108 € por metro cúbico; e a de consumo doméstico de 0,1501 € por metro cúbico. No caso do servizo de depuración, o consumo industrial é de 0,4530 € por metro cúbico; e o doméstico de 0,2541 € por metro cúbico. Ademais, prodúcese unha modificación do artigo 7 da normativa no que respecta ao devengo. Así, “considerarase que comeza a prestación do servizo que da orixe ao nacemento da obriga de contribuír, entre outras, cando se formule a solicitude, ou dende que teña lugar a acometida efectiva se se levase a cabo sen autorización, ou cando se estea en disposición de recibir o servizo nos termos sinalados na ordenanza e non se solicite o preceptivo enganche”. Coa modificación da taxa preténdese regularizar o servizo para que tamén pasen a pagalo os veciños do medio rural que conten con el. A modificación foi aprobada con once votos a favor. No que respecta á Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento, coa suba a cota será de 4,05 euros ao trimestre, e de 0,4108 € por metro cúbico para o consumo en 2014. Neste caso, o asunto foi aprobado por unanimidade.

Moción de TEGA e intervención contra a mina de Corcoesto

Durante a sesión tamén se ratificou por unanimidade un decreto do 16 de outubro no que se desestima un recurso especial sobre a “Contratación de servizos enerxéticos e mantemento con garantía total das instalacións de alumeado público exterior mediante un contrato mixto de subministro e servizos do Concello de Carballo”. Así, nestes momentos está aberto un procedemento para contratar a xestión dos servizos enerxéticos e de alumeado do Concello de Carballo por un importe de 9.960.000 euros e un período de 12 anos, un proceso que continúa agora trala desestimación do recurso. E unanimidade tamén recibiu unha moción de TEGA, despois dunha pequena modificación, para “para incluír no programa de contidos transversais de Educación Primaria e Secundaria os coñecementos de primeiros auxilios, seguridade viaria, auto protección e emerxencias”. A sesión rematou co punto de seguimentos de órganos de goberno. Como cada trimestre, deuse conta co Informe de intervención e tesourería do cumprimento da Lei 15/2010 de xullo que modifica a Lei 3/2004 do 29 de decembro, de loita contra a morosidade. Tamén se deu conta do Informe do Marco Orzamentario pola que se reservan as obrigas de subministro de información de Estabilidade Presupostaria e Sostenibilidade Financeira.

E a sesión rematou, en cumprimento do artigo 25 do Regulamento Municipal de Participación Cidadá, coa comparecencia da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, en contra da mina de ouro a ceo aberto. Tiveron o uso da palabra durante 10 minutos Raquel Bello Varela e Roi Veres Martínez para expoñer os seus argumentos en contra da mina, en representación de máis de medio centenar de veciños e veciñas que encheron o salón de plenos para defender as súas reivindicacións.

29 de outubro de 2013 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.