publicidade hoxe

Sober desenvolverá un amplo programa cultural ata finais de ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Concello de Sober inicia mañá, mércores día 9, un amplo programa cultural que durará ata finais de ano. A primeira das actividades desenvólvese no marco da campaña da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Ler conta moito. A Biblioteca Municipal será o escenario mañá ás 19:00 horas da posta en escea de Un reino complicado, a cargo da contacontos Fátima Fernández.

O venres día 11 o mago Carlos actuará no Centro Sociocultural ás 17:30 horas no marco do programa Cultura no Camiño da Consellería de Cultura e Educación.

A seguinte das actividades enmárcase no mesmo programa e terá lugar o domingo día 13 no local social de Canabal no que actuará ás 19:00 horas Yuma el Malabarista.

O mércores 16 de outubro ás 19:00 horas a Biblioteca Pública Municipal acollerá a presentación do libro Feira de palabras de Rosa García Machado.

O Club de lectura Pintor de Castinandi seguirá reuníndose todos os mércores ás 19:00 horas na Biblioteca Pública Municipal.

Da literatura ao teatro

O sábado día 19 o Centro Sociocultural de Sober acolle a representación teatral Do Miolo e Cía, Non son D`acó. Esta actividade encádrase no programa Buxiganga da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo.

O xoves día 24 Sober celebra o Día da Biblioteca con actividades no Colexio Virxe do Carme pola mañá e na Biblioteca Pública Municipal pola tarde.

Un día despois, o venres 25 de outubro, haberá un obradoiro de cancións infantís baixo o título Claro que sí. Será no Centro Sociocultural de Sober ás 17:30 horas e no marco do programa Cultura no Camiño.

A última das actividades do mes de outubro será a actuación no local social de Anllo San Estevo do mago Yusi co espectáculo Nadanamanga. Será a partir das 19:00 horas e no marco do programa Cultura no Camiño.

Programación para novembro

As actividades organizadas para o mes de novembro comezan o día 7 coas xornadas micolóxicas da Agrupación Micolóxica Pingadouro que se estenderán ata o día 11 de novembro.

O domingo día 10 o Grupo de Teatro da Asociación Prodeme de Monforte interpretará Qué facemos cos fillos ás 19:00 horas no Centro Sociocultural de Sober.

O teatro volve a Sober o sábado día 23 co espectáculo teatral Fantoches Baj, as pombas de carboeiro. A actuación será ás 19:30 horas no Centro Sociocultural de Sober no marco do programa Fala Redes da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Programación para decembro

O sábado día 21 celebrarase de novo o tradicional Concerto de Nadal a cardo da Escola Municipal de Música. Ás 19:00 horas no Centro Sociocultural de Sober.

Outras actividades

O Concello de Sober ten previsto ademais levar a cabo outras actividades para as que aínda non precisou a data, como son os concertos didácticos organizados pola Escola Municipal de Música para escolares, para xordos e para cegos. Así, haberá tamén cursos de iniciación á cociña saudable, cociña con castañas ou cociña de Nadal a cargo de Ángel Rios, xefe de cociña do Hotel Palacio de Sober.

8 de outubro de 2013 | 13:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.