Sinatura do convenio para o soterramento das infraestruturas eléctricas na Piña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, recibiu hoxe no seu despacho ao seu homólogo en Carballo, Evencio Ferrero, nunha xuntanza na que se realizou a sinatura do convenio de colaboración para a execución do proxecto referido ao soterramento das infraestruturas eléctricas no núcleo limítrofe de A Piña que promoven ambos Concellos.

Dito convenio –que superou o acordo do Pleno de ambas Corporacións- expón a vontade de establecer fórmulas de cooperación mutua para alcanzar o interese común de desenvolver a obra, considerando a máis axeitada, pola súa sinxeleza e eficacia, a agrupación de concellos para que ambos poidan ser beneficiarios da subvención, o que tamén soluciona a problemática derivada da imposibilidade legal de exercer as competencias fóra do territorio do termo municipal.

Dado que a maior parte da obra afecta á parroquia de Sofán (soamente un dez por cento da mesma se realizará na parroquia larachesa de Vilaño), acordouse que será Carballo o municipio que lidere esta actuación, encargándose da tramitación administrativa do expediente de solicitude da subvención, así como do proceso de contratación das obras.

Cabe lembrar que a través deste proxecto serán soterradas as infraestruturas eléctricas (redes de iluminación pública e de alta e baixa tensión) nas inmediacións da capela de San Adrián, o que permitirá eliminar o cableado aéreo, aumentar o espazo en superficie para maior comodidade de vehículos e peóns e mellorar a estética en toda esta zona.

A actuación está valorada nun total de 109.000 euros e máis do noventa por cento do custe da mesma será financiado pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.

1 de outubro de 2013 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.