Sevilla inaugura o V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Acto de entrega da Anduriña de Ouro do Lar Gallego de Sevilla ao alcalde da cidade, Juan Ignacio Zoido

Acto de entrega da Anduriña de Ouro do Lar Gallego de Sevilla ao alcalde da cidade, Juan Ignacio Zoido

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu os principios de igualdade e de solidariedade como “as ferramentas máis útiles para articular a pluralidade de rexións e nacionalidades” do conxunto español. Así o sinalou durante a inauguración do V Encontro de Casas Rexionais e Provinciais que se celebra en Sevilla e que nesta edición ten Galicia como Autonomía homenaxeada.

Na súa intervención, o mandatario autonómico referiuse a que quizais o paso do tempo faga necesario “abrir espazos de diálogo” para debater propostas que permitan afrontar “con maior fortaleza” os desafíos presentes e futuros desta “casa común” que é España. Propostas todas elas, dixo, “que deben elevarse sobre os sólidos cimentos da igualdade e a solidariedade que nos definen como nación”.

Feijóo lembrou que a experiencia de 35 anos de democracia converte en “irrenunciable” a concepción de España como un espazo “de xustiza e equilibrio”. “Sabemos que fundir esforzos, ideas e esperanzas é sempre máis proveitoso que o illamento para encarar calquera vicisitude”, afirmou.

Importancia das casas rexionais e provinciais

“De todo isto –argumentou-, poderían falar longamente os membros das casas rexionais e provinciais representadas nesta mostra porque elas fixeron da solidariedade o principal motor da súa existencia”.

O presidente da Xunta incidiu na importancia do papel que desempeñan as casas rexionais e provinciais, ao terse revelado como a “fórmula perfecta” para enlazar o apego á orixe coa vinculación aos axentes políticos, económicos e sociais do lugar do destino. “Conxugaron á perfección a solidariedade co paisano e a exaltación da cultura propia coa inmersión plena no novo escenario vital” e, deste modo, evidenciaron que “non existe contradición algunha entre conservar a identidade propia e abrir esta ao contorno”.

“En calquera das rexións nas que se asentaron, os emigrantes españois alcanzaron ese equilibrio sen conflitos”; lográrono “coa forza da súa vontade”, pero tamén, “coa xenerosidade de todos os territorios que os acolleron como a iguais, que lles brindaron canles de integración tolerantes e respectuosas, invitándoos a sumarse e a contribuír ao funcionamento da súa comunidade”, concluíu.

Imposición Anduriña de Ouro

O presidente da Xunta participou, tamén, no acto institucional de entrega da Anduriña de Ouro do Lar Gallego de Sevilla ao alcalde da cidade, Juan Ignacio Zoido, onde resaltou o carácter cosmopolita dos galegos, aspecto que os ten levado a desafiar lindes e a “acumular culturas e patrias”, creando unha perfecta amalgama coas xentes e lugares de acollida.

Feijóo agradeceulle ao Lar Gallego de Sevilla a hospitalidade e a calorosa acollida que lle brindou na súa casa.

A Juan Ignacio Zoido –a quen felicitou pola distinción coa que foi condecorado hoxe- cualificouno como servidor público exemplar e púxoo como exemplo de persoa feita a si mesma, dun home educado nos valores do sacrificio e do esforzo.

12 de outubro de 2013 | 02:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.