Servizos Sociais destina 60.000 euros á asociación cidadá loita contra a droga “ACLAD”
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Miguel Lorenzo, informa de que destinará 60.000 euros á Asociación Cidadá Loita contra a Droga (ACLAD) para apoiar as actividades que realiza esta entidade en defensa dos individuos e contra a utilización ilícita de todo tipo de drogas. En concreto, a cantidade que recolle o convenio de colaboración entre o Concello e ACLAD, destinarase a apoiar a Unidade Móbil de atención ao drogodependente.
Con este convenio, o Concello da Coruña pon de manifesto o seu compromiso e implicación na loita contra a drogodependencia e súmase a outros asinados con diferentes entidades que tamén desenvolven o seu labor tanto no ámbito da prevención coma no da reinserción. Os convenios con estas asociacións complementan o Programa Municipal de Prevención de Drogodependencias, no que o Concello desenvolve accións educativas, informativas, integradoras e preventivas nos ámbitos escolar, familiar e comunitario co obxectivo de cubrir os tres eixes da prevención.











