Santiago acolle a Semana de Cine Euroárabe Amal coa proxección de 15 filmes

Xornada de apertura da Semana de Cine Euroárabe Amal. Foto: A. Varela

Xornada de apertura da Semana de Cine Euroárabe Amal. Foto: A. Varela

Un ano máis a Semana de Cine Euroárabe Amal achegará a cultura árabe á cidade de Santiago de Compostela, ata o 25 de outubro. Farao mediante a proxección de 15 filmes de orixe e temática árabe, que terán lugar no Hotel Eurostars Araguaney, 10 deles premiados en edicións anteriores e os outros cinco que son primicia en Galicia.

Coa súa colaboración nesta iniciativa, a Xunta de Galicia quere, segundo afirmou Anxo Lorenzo, apoiar o esforzo a unha programación singular en Galicia, que constitúe unha ventá á cultura árabe, pero sobre todo, un espazo de promoción cultural e de difusión de traballos audiovisuais aos que non é doado acceder fóra deste foro.

Concurso de curtametraxes

A programación desta Semana de Cine Euroárabe Amal conta cunha parte de acceso gratuíto para facilitar a incorporación de públicos, en sesións de 18 e 20 horas, e outra parte cunha entrada de dous euros, que se corresponde coas estreas, en horario de 22 horas. Ademais das proxeccións, o Festival Amal convoca o concurso de curtametraxes Amal Express, unha actividade que consiste na realización dunha curta nun tempo “exprés” de 72 horas, baseado nunha palabra clave proporcionada pola organización do festival.

A incorporación destas actividades paralelas ten como obxectivo favorecer o nacemento de novos proxecto e o fometo da creatrividade e da innovación, así como a promoción da cultura a través do cine.

Primeiras proxeccións

Nesta xornada de apertura da Semana de Cine Euroárabe Amal proxectaranse os filmes ‘Shooting Muhammad’, ás 18 horas; ‘La sal de este mar’, ás 20 horas; e, ás 22 horas, ‘5 cámaras rotas’.

21 de outubro de 2013 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.