San Sadurniño vístese de laranxa para demandar que os servizos sociais sigan sendo públicos

Participantes na iniciativa “laranxa” en San Sadurniño
Máis de medio cento de persoas concentráronse este mediodía na praza do Concello convocadas pola Plataforma independente de profesionais dos servizos sociais para protestaren contra a lei de reforma da administración local. Segundo a plataforma, a nova normativa que prepara o goberno estatal ameaza a prestación de servizos de carácter social por parte dos concellos abrindo a porta, ademais, á súa privatización. San Sadurniño súmase á reivindicación, igual que outros 34 municipios galegos e os 102 traballadores e traballadoras que forman parte da plataforma.
Camisetas, panos, globos, adhesivos… todo de cor laranxa para mostrar o rexeitamento a unha lei que, segundo parece, lle dá luz verde á supresión de competencias municipais na prestación de servizos comunitarios. A axuda no fogar, os programas de envellecemento activo ou os de inserción social son algúns dos programas que ofrecen os concellos e que poderían desaparecer ou, no mellor dos casos, quedar en mans privadas. Unha situación posible que, a xuízo dos convocantes e dos municipios adheridos á súa reivindicación, “traerá como consecuencia a ruptura da paz social, maiores desigualdades e maior pobreza, sen posibilidade de achegar solucións desde os concellos”.
Diego Rodríguez Piñón, traballador social no Concello de Cerdido, leu un comunicado no que se demanda a pervivencia dos servizos sociais de titulariedade pública. “Reivindicamos a persistencia dos servizos sociais nos concellos, uns servizos sociais próximos, áxiles e que están dando resposta a todo tipo de necesidades da cidadanía. O que plantexa a lei é o alonxamento dos servizos sociais do entorno máis próximo que teñen os cidadáns, coas consecuencias negativas que vai traer”.
O portavoz na concentración da Plataforma independente de profesionais, dixo que a lei tamén ameaza con eliminar postos de traballo “de moitos profesionais, non só traballadores sociais, senón tamén animadores socioculturais, educadores sociais, etc” e asegurou que a reforma do rexime local que quere impulsar o goberno estatal “parece que case está pensada para a privatización dese tipo de servizos”, como poden ser os de axuda a domicilio.
A convocatoria xuntou na praza do Concello arredor de 60 persoas entre veciños e veciñas, profesionais dos servizos sociais e membros do equipo de goberno. Esta non será a última cita reivindicativa, xa que a plataforma adiantou que está previsto un paro xeral en Galicia para o próximo mes de novembro. Ao paro están chamados todos os traballadores e traballadores dos servizos sociais “porque estamos todos implicados en favor da cidadanía, para que non perda eses servizos de proximidade que tanto están aportando ao benestar social das comunidades e dos pobos de Galicia”, asegurou Rodríguez Piñón. Desde a plataforma tamén se pide que os profesionais do sector luzan camisetas de cor laranxa como recordatorio do seu desacordo coa lei de remorma local e como demanda duns servizos sociais públicos e de calidade.











