San Sadurniño comeza un novo proceso de participación veciñal para deseñar os seus orzamentos
O Concello está preparando os orzamentos municipais de 2014 e, igual que ocorreu nos últimos anos, busca a participación veciñal para definir cales son aqueles investimentos e actuacións que se van levar a cabo ao longo do ano que vén. Desta maneira hai convocadas xuntanzas nas sete parroquias de cara a que a xente achegue as súas propostas. O documento final coas prioridades redactarase na mesa do orzamento participativo o día 2 de decembro. Quen queira implicarse en todo o proceso pode asistir ás asembleas veciñais ou ben facerlle chegar ao Concello as súas ideas e proxectos por medio da folla normalizada que se pode descargar na web municipal.
As asembleas de participación veciñal están abertas a calquera persoa empadroada no concello ou que teñan unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Nelas debaterase sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio e que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica…, etc. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.
O espírito das asembleas non é unicamente saber que obras son necesarias en cada parroquia -aínda que tamén se poden propoñer- senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, as posibilidades reais para sacalas adiante.
Todas as reunións veciñais serán ás 20h. nos locais sociais de cada parroquia de acordo co seguinte calendario:
Bardaos: luns 18 de novembro
Ferreira: martes 19 de novembro no local social da Seara
Igrexafeita: mércores 20 de novembro
Camiño Arriba: xoves 21 de novembro
San Sadurniño: venres 22 de novembro
Santa Mariña do Monte: luns 25 de novembro
Naraío: martes 26 de novembro
Lamas: mércores 27 de novembro
Con todo, quen non poida asistir ás xuntanzas, tamén pode entregarlle aos representantes veciñais ou directamente ao Concello unha ficha cuberta coas súas propostas. Hai un modelo descargable en formato pdf na web municipal que se poderá presentar no rexistro municipal, envialo por carta -avda. Marqués de Figueroa 5, 15560 San Sadurniño- ou facéndoo chegar ao enderezo electrónico correo@sansadurnino.dicoruna.es.
A cuestión de que actuacións se levarán a cabo e con que prioridade decidirase na Mesa de participación veciñal, na que haberá representantes políticos, das asociacións e tamén persoas designadas nas asembleas de cada parroquia para defender as súas propostas. A mesa elaborará un documento final que estará dispoñible para consulta pública e que se empregará como guía tanto para a elaboración e posterior execución do orzamento municipal de 2014. A Mesa de participación veciñal está convocada para o 2 de decembro ás 20 h. no salón de plenos do Concello.
Quinto ano de orzamento participativo
San Sadurniño implantou a participación veciñal na definición do orzamento no ano 2008. Porén, desde aquela houbo cambios de calado no proceso. O máis importante é que se suprimiu o límite orzamentario ao que debían axustarse as propostas. De feito, nos tres primeiros anos o Concello asignaba unha cantidade fixa para cada parroquia atendendo á súa poboación e extensión -arredor de 110.000 euros para as sete- sobre a que os veciños podían decidir. A eliminación deste límite permitiu ampliar o poder de decisión veciñal, xa que agora abrangue á práctica totalidade do orzamento municipal, que este ano foi de 2.8 millóns de euros.
Os orzamentos participativos de San Sadurniño enmárcanse no Plan de acción da Axenda 21 local que promove, entre outros aspectos, o avance cara unha democracia participativa no ámbito municipal máis aló dos periodos electorais. En palabras do titular de Participación veciñal, Manolo Varela, “a implicación veciñal á hora de decidir que cousas debe facer o Concello e en que deben investirse os recursos públicos tamén dá como resultado un municipio máis transparente e máis pegado á realidade da xente”.











