San Sadurniño abre o prazo de inscrición no Mercado Local Xusto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello anda a voltas xa coa preparación da próxima edición do mercado local xusto, que se celebrará no contorno da casa consistorial e no adro do convento do Rosario o domingo 27 de outubro. De novo búscase a participación de pequenos produtores e comercializadores de todo tipo de artigos: alimentos transformados, plantas e produtos da terra, artesanía, antigüidades, etc. O prazo para apuntarse no mercado está aberto e xa pode descargarse a ficha de preinscrición que cumprirá presentar antes do 22 de outubro.

A solicitude pode facerse enviando a ficha por correo ao Concello -Avenida Marqués de Figueroa, 5, 15560 San Sadurniño-, enviándoa por correo-e ao enderezo agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es ou presentándoa directamente e debidamente cuberta no rexistro municipal. Ademais, pode obterse máis información chamando ao 981 490 027 ou ao móbil 616 332 919.

Impulsar o comercio de proximidade e axudar en certa medida á economía local son os dous grandes obxectivos que persegue o Concello coa organización deste mercado, na liña de recuperar tanto o espírito das feiras de toda a vida como o dinamismo económico que xeraban no territorio este tipo de encontros.

O mercado local xusto está aberto principalmente aos pequenos produtores e comercializadores. A idea é darlle saída aos produtos de calidade de todo tipo -especialmente os de temporada como poden ser as de castaña ou cogomelos, entre outros- potenciando a venda directa para que a maior parte do valor engadido quede nos produtores locais en vez de marchar ao comercio das grandes áreas. Así, no mercado poderanse atopar os seguintes artigos:

– Excedentes agrarios e produtos de temporada achegados por persoas non profesionais e locais
– Produtos agrarios ou elaborados (queixos, embutidos, horta, froita, etc.…), ofertados por profesionais· 
– Produtos ecolóxicos e de comercio xusto
– Artesanía, tanto profesional como non profesional
– Mercado do troco e da segunda man, para persoas non profesionais

O mercado será xestionado polos servizos municipais e estará aberto -ata cubrir aforo- a calquera empresa ou persoa que queira ofrecer os seus produtos. O Concello resérvase o dereito de aceptar as solicitudes, que terán que estar relacionadas con algún dos tipos de produtos indicados anteriormente. A relación de expositores admitidos publicarase o 25 de outubro.

A cita organizada pola área de Participación veciñal e Turismo desenvolverase na Praza do Concello e tamén no adro do convento do Rosario desde primeiras horas da mañá do domingo 27 de outubro. Na praza situaranse os postos de artesanía, no adro do convento os relacionados coa alimentación, na parte traseira do edificio disporanse os viveiros e comercializadores de planta e, por último, na zona do aparcadoiro irán situados os expositores de obxectos antigos e de segunda man.

O Concello agarda que se repita o éxito do primeiro mercado, celebrado a finais de xuño, no que se deron cita un total de 85 expositores de toda a comarca.

2 de outubro de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.