Roberto Sobrado presenta o seu último traballo musical no Carballiño
Noroeste estraño é o título do último traballo da banda de Roberto Sobrado: unha volta arredor de si, rockeira, unha reivindicación “resentida”, un harakiri consciente pero non total ao cantautor que leva dentro. A actuación terá lugar o venres 11 de outubro, ás 22.00 h. no Auditorio Municipal cun prezo de 5 euros a entrada.
Sonoramente eclécticos (coma sempre) fártanse de facer chiscadelas reixianas, calamarianas, indie-beatles e incluso radioheadianas e suaves. Os textos retórcense buscando a metáfora asequible, o punto social, o escéptico, o surrealista e o amor.
Roberto Sobrado é música e poesía. Sempre vai haber algún acorde que saia da súa guitarra para encher unha festa, sempre un verso a ilustrar un capítulo da vida.
Comezou con Silvio, Sabina e Serrat, logo deulle por Calamaro e Reixa, mais os seus propios versos e melodías non lles desmerecen a ningún deles nin en forza nin en compromiso.
Curtido no Fonte Sequelo (Compostela) madurou na Cavern (Liverpool) berce entre outros dos Beatles. Mais afortunadamente volveu ao país e deulle forma a unha banda que desde entón o acompaña e fai medrar a súa música. Música feita con sentidiño e sentimento. Música feita en Galiza e en galego.
Os seus discos son cálidos os seus directos dinámicos. Non dubidedes en achegarvos a él porque sempre sairedes cun sorriso nos beizos, sempre levaredes un retrouso no corazón.











