Rey Varela repasa coa entidade veciñal as obras de trasformación urbana de Canido
O Concello de Ferrol disporá antes de que remate o presente mes de outubro do proxecto para a construción do novo Centro Cívico de Canido, para Persoas Maiores e Atención á Infancia, que neste mandato estará en funcionamento. Así o anunciou esta mañá o alcalde da cidade, Jose Manuel Rey Varela, aos membros da entidade veciñal do barrio cos que mantivo un encontro de traballo con motivo da nova fase do Plan de Barrios que está a desenvolver o Goberno Municipal. Os concelleiros de Urbanismo, Servizos e a edil de barrio –Guillermo Evia, Borja Carro e Verónica Casal, respectivamente-, tamén participaron nesta xuntanza así como os técnicos municipais supervisores dos servizos que presta a Administración local, ben directamente ou a través das empresas contratadas.
Ao respecto, do novo Centro Cívico, para Persoas Maiores e Atención á Infancia, Rey Varela sinalou que “neste mandato quedará rematada esta aspiración veciñal”, para o que se fará un investimento de aproximadamente un millón de euros financiados en parte con fondos do programa europeo Urban. O devandito equipamento social, cuxa contratación se prevé que non se demore máis alá de principios do vindeiro ano- ocupará unha parcela situada na rúa Poeta Pérez Parallé. Ademais de repasar a situación desta infraestrutura, o primeiro edil e o concelleiro de Urbanismo informaron aos representantes veciñais sobre outras intervencións de transformación urbana que están en marcha en Canido. Neste sentido, Guillermo Evia explicoulles que as obras de reurbanización de Alonso López e Estrela “están en prazo”, e que con respecto ao anteproxecto herdado do mandato anterior engadiuse no actual o soterramento das redes de servizo e a iluminación en Alonso López. Así mesmo, o titular de Urbanismo sinalou que as obras de mellora da rúa Alegre están en proceso de licitación e que, neste caso, tamén se incluíu con respecto ao proxecto inicial elaborado no cuadrienio pasado a renovación das redes de saneamento e abastecemento, que non estaba contemplada. Na rúa Alegre, cuxas obras se prevén para o inicio do vindeiro ano, investiranse 1,3 millóns de euros.
En relación ás intervencións feitas de maneira coordinada polos servizos municipais e empresas que traballan para o Concello de Ferrol durante esta semana en Canido ao abeiro do Plan de Barrios, a valoración económica das mesmas ascende a 64.000 euros. Entre os diferentes traballos de mantemento, o rexedor ferrolá destacou a reparación de 18 tramos de beirarrúas na rúa Alegre; cunha estimación de custe de 4.000 euros; a intensificación dos traballos de limpeza e a colocación de novas papeleiras –que en vindeiros días continuará coa instalación de máis papeleiras nas rúas Máximo Ramos e Alonso López- valorados en case 22.000; ou os 26.500 euros invertidos no pintado e sinalización viaria, con aproximadamente 5.000 metros lineais en viarios repasados ; e o pintado de 51 pasos de peóns, 20 cedas; 14 stops, 8 prazas de minusválidos e 9 paradas de autobús. Así mesmo, colocáronse 20 sinais de prohibición de aparcar, de perigo, paneis de colexios, de prohibilición ou obrigación e de stop, ademais dun espello circular.
Próximas actuacións
Así mesmo, e atendendo ás demandas veciñais, Rey Varela informou que nos vindeiros días se procederá ao acondicionamento da praza situada na rúa Navegantes con Alegre, coa substitución dos bancos e a colocación de xardineiras; repoñerase a barandilla da esquina da rúa Coruña con Pérez Parallé; arranxarase o peche da pista polideportiva e do parque infantil e pintarse un paso de peóns na rúa Alegre.











