Rey Varela presenta as liñas de actuación para revalorizar a oferta hoteleira do parador da cidade

Reunión de Rey Varela co representante do parador
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, recibiu esta tarde a visita da presidenta de Paradores de Turismo de España S.A, Ángeles Alarcó, con quen abordou as propostas nas que está a traballar o Concello de Ferrol no entorno do Parador da cidade cun dobre obxectivo: recuperar os xardíns de San Francisco e os baixos da Costa de Mella, e, ao mesmo tempo, darlle valor engadido e relanzar un dos establecementos máis emblemáticos da cidade. A este encontro tamén asistiron o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e a delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia, Belén do Campo.
Trala xuntanza, Rey Varela resaltou que “a colaboración e a vontade de entendemento foi o que fixo posible que hoxe en día podamos garantir que a nosa cidade siga formando parte do mapa de Paradores”. Nesta liña, o rexedor ferrolán subliñou que “o mantemento do Parador de Turismo era fundamental para este Goberno Municipal pola historia que este establecemento ten na nosa cidade, o emprego e a actividade inducida que xera”. E, ao fío disto, Rey Varela manifestou a súa satisfacción polos resultados do diálogo aberto e das negociacións que sostivo coa presidenta de Paradores de España dende o primeiro momento en que xurdiron as preocupacións ante un posible peche, hoxe descartado. “Como alcalde de Ferrol sempre defendín que o Parador de Ferrol é viable e, polo tanto, rendible tanto dende un punto de vista económico como, por suposto, dende unha perspectiva social”.
Así as cousas, o primeiro edil da cidade expúxolle a Ángeles Alarcó a posibilidade de que o Parador de Ferrol poida facer uso de parte da zona axardinada de San Francisco –os situados na parte traseira do inmoble-, coa intención de que poida abrir novas liñas de negocio e actividade. “O Parador de Turismo de Ferrol é un elemento fundamental para a dinamización económica do sector de servizos da cidade, por tratarse dunha das iconas turísticas da cidade e do conxunto da comarca.”
Estratexia turística
Neste sentido, Rey Varela manifestou que o Parador de Ferrol é unha peza fundamental dentro da actual estratexia turística do Concello, centrada na Ruta do Naval e, en colaboración coa Autoridade Portuaria, na potenciación do porto ferrolán como punto de arribada de cruceiros. “Neste contexto o Parador é un factor clave e de gran valor estratéxico, de aí os esforzos feitos dende o Concello para mantelo en servizo e para ampliar as súas actividades”, reiterou.











