Rey Varela manifesta a súa satisfacción pola adxudicación do proxecto construtivo do tren a Caneliñas
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, manifestou hoxe a súa satisfacción pola adxudicación da redacción do proxecto construtivo do tren ao Porto Exterior por un montante superior ao millón de euros e un prazo de execución de oito meses. “Queda ratificado, unha vez máis e pola vía dos feitos, o compromiso da ministra de Fomento, Ana Pastor, con este alcalde e con esta cidade”, manifestou Rey Varela.
Neste sentido, o primeiro edil de Ferrol salientou e agradeceu o “impulso” que a titular de Fomento está a dar á conexión ferroviaria con Caneliñas, “unha infraestrutura que é clave para a cidade e a comarca e que responde a unha demanda unánime e histórica”. Ao respecto, Rey Varela insistiu no apoio de Ana Pastor e o seu Ministerio para comunicar por tren a dársena exterior, “sacando adiante o proxecto construtivo, que levaba oito anos esquecido nun caixón pese as reiteradas promesas que levabamos escoitadas nesta cidade ao respecto desta actuación e que até a chegada da ministra Ana Pastor quedaron niso, en soamente palabras”, dixo.
A adxudicación da redacción do proxecto construtivo do tren a Caneliñas ten lugar despois dos encontros que nas últimas semanas o alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, e o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo, mantiveron en Madrid con Ana Pastor e outros responsables do Ministerio de Fomento. “O traballo coordinado co Ministerio de Fomento fixo posible que hoxe se materializada a adxudicación desta actuación tan importante para os nosos intereses”, sinalou o rexedor municipal.
Por último, Rey Varela lembrou que foi o pasado mes de agosto durante unha vista institucional a Ferrol da titular de Fomento cando esta se comprometeu a desbloquear os accesos ferroviarios a Caneliñas. Un compromiso que se vería ratificado apenas catro meses despois desta visita, coa publicación o pasado 10 de xaneiro no Boletín Oficial do Estado (BOE) do anuncio de licitación do proxecto construtivo do tren a Caneliñas.











