Reunión do Padroado da UNED na Deputación de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Na sala de xuntas do Pazo Provincial tivo lugar a reunión do Padroado do Consorcio do Centro Asociado da UNED en Ourense, presidida polo titular da institución provincial e presidente do consorcio, Manuel Baltar. Na xuntanza analizáronse temas orzamentarios e de organización académica, entre os que figuraron o informe do director do centro, a aprobación da memoria académica do curso 2012-2013, a organización académica do curso 2013-2014 e a aprobación do orzamento para o ano 2014.

Na reunión participaron, ademais de Manuel Baltar, o director da UNED en Ourense, Jesús de Juana, e o vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Ignacio Zúñiga, xunto a outros membros do padroado.

Posteriormente, no salón de actos do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” tivo lugar a apertura do curso académico da UNED en Ourense 2013-2014.

O Centro asociado da UNED en Ourense cumpre este curso 21 anos de funcionamento en Ourense, posibilitando o acceso a estudos superiores a persoas que doutro xeito non poderían conseguilo, ben por razón de renda, de residencia ou por calquera outra dificultade.

A UNED, a maior universidade de España, conta cunha oferta educativa que abrangue 26 títulos de grao, e ofrece unha segunda oportunidade a persoas que no seu momento non puideron acceder á ensinanza superior convencional.

31 de outubro de 2013 | 10:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.