Resolucións do pleno da Deputación de Ourense de data 25 de outubro de 2013
AUTORIZACIÓN DE COMPATIBILIDADE DE DONA MÓNICA LEGASPI DÍAZ PARA O EXERCICIO DE DOCENCIA UNIVERSITARIA.
Acordo:
Autorizar a dona Mónica Legaspi Díaz, interventora xeral desta Deputación Provincial, para o desempeño dun posto de profesora asociada HX1028, dedicación P6 ao servizo da Universidade de Santiago de Compostela, consonte coas seguintes condicións:
A xornada e o horario de traballo na Deputación Provincial deberá cumprirse e respectarse en todo momento.
A contía das remuneracións percibidas polo segundo posto non poderá exceder do 30% das retribucións do posto principal.
Autorízase expresamente que o importe conxunto das retribucións percibidas por ambos postos exceda o límite establecido no artigo 7.1 da Lei de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, baseándose nas razóns de especial interese para o servizo.
O réxime de dedicación ao posto de profesora asociada será o previsto na cláusula xeral 1ª do contrato de 10 de novembro de 2003, obxecto de prórroga ao que se refire a autorización.
APROBACIÓN DA MODIFICACIÓN DE CRÉDITOS DO EXPEDIENTE N.º 2/2013 DO INORDE
Acordo:
Aproba-la modificación de créditos do expediente, co seguinte detalle:
SUPLEMENTOS DE CRÉDITO
Aplicación orzamentaria Expresión Importe €
42211/214.00 Reparación elementos de transporte 4.000,00
42211/220.00 Material oficina 2.000,00
42211/221.00 Subministración de enerxía eléctrica 12.000,00
42211/221.01 Subministración de auga 3.500,00
42211/221.03 Subministración de combustibles carburantes 20.000,00
42211/221.13 Subministración de manutención de animais 5.000,00
42211/222.00 Servizos de telecomunicación 2.000,00
42211/222.01 Comunicacións postais 400,00
42211/230.00 Axudas de custo de goberno 4.200,00
Suma de suplementos de crédito 53.100,00.-
RECURSOS UTILIZADOS
Remanente Tesourería. Subconcepto 870.00 para financiar gastos xerais 53.100,00.-
APROBACIÓN DA ORDENANZA XERAL DE SUBVENCIÓNS DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE
Constitúe o obxecto da presente ordenanza a regulación das especialidades da tramitación, concesión, xustificación e control financeiro das subvencións outorgadas pola Deputación Provincial de Ourense e os seus entes públicos dependentes, no marco da lexislación estatal e autonómica aplicable ás subvencións locais.
Para os efectos da presente ordenanza, consideraranse subvencións as achegas en diñeiro sen contraprestación definidas como tales na lexislación vixente e efectuadas a favor de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, ou de agrupacións sen personalidade xurídica.
A presente Ordenanza entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2014, unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, e sempre e cando transcorresen os prazos establecidos no artigo 70.2 en relación co 65.2 da Lei reguladora das bases do réxime local; no seu defecto, entrará en vigor ao día seguinte do transcurso dos ditos prazos.
DELEGACIÓN NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DO EXERCICIO DAS FACULTADES QUE O CONCELLO DE ENTRIMO TEN ATRIBUÍDAS EN MATERIA DE RECADACIÓN DOS GASTOS DERIVADOS DA EXECUCIÓN SUBSIDIARIA DE ACTOS ADMINISTRATIVOS
Acordo:
Aceptar a delegación nesta Deputación Provincial das facultades que o Concello de Entrimo ten atribuídas en materia de recadación dos gastos derivados da execución subsidiaria de actos administrativos. A dita delegación rexerase polas condicións xerais establecidas pola Deputación Provincial para a delegación de competencias nesta materia.
RESOLUCIÓN DO RECURSO DE REPOSICIÓN INTERPOSTO POR D. SERAFÍN MANUEL SUÁREZ SANTALICES CONTRA A DECLARACIÓN DA NECESIDADE DE OCUPACIÓN EN CUMPRIMENTO DA SENTENZA Nº 84/2010 DO XULGADO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO N.º 2 DE OURENSE
Acordo:
Desestimar o recurso de reposición interposto por don Serafín Manuel Suárez Santalices, contra a declaración da necesidade de ocupación adoptada por acordo do Pleno da Deputación na sesión do 26 de xullo de 2013, en cumprimento da sentenza n.º 84/2010 do Xulgado do Contencioso-Administrativo n.º 2 de Ourense.
APROBACIÓN DA MOCIÓN DE APOIO ÁS PROPOSTAS DA ASAMBLEA DA FEGAMP RELATIVAS Ó PROXECTO DE LEI DE RACIONALIZACIÓN E SOSTIBILIDADE LOCAL
Acordo:
Apoiar a postura da FEGAMP e mostrarlle o seu apoio a as emendas presentadas respecto do Proxecto de Lei de Racionalización e Sostibilidade Local.
Remitir copia deste acordo ó Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a FEGAMP
APROBACIÓN DA MOCIÓN CONXUNTA DOS GRUPOS POLÍTICOS DA DEPUTACIÓN SOBRE ESTUDO DA POSIBILIDADE DE APROBACIÓN DUN HIMNO OFICIAL PARA A PROVINCIA DE OURENSE
Acordo:
Proceder ao estudo da posibilidade da aprobación dun himno oficial da provincia de Ourense, encomendándolle ao deputado da Área de Cultura (Avelino García Ferradal) a instrución do correspondente expediente, coa formulación dunha proposta ao respecto para o seu tratamento na comisión informativa de Educación, Cultura e Deportes.
APROBACIÓN DA PROPOSTA DE TRAMITACIÓN NA COMISIÓN DE REXIME INTERIOR DA INICIATIVA DE QUE SE HABILITE O VOTO POR INTERNET DOS DEPUTADOS EN DETERMINADOS CASOS
APROBACIÓN DA MOCIÓN SOBRE O SERVIZO DE CIRURXÍA PEDIÁTRICA DO CHUOU
Acordo:
Instar á Xunta de Galiza a que de xeito inmediato realice a contratación do persoal facultativo necesario para manter en Ourense a atención permanente ao servizo de cirurxía pediátrica e para que toda a actividade asistencial e cirúrxica derivada das necesidades da súa poboación se poida desenvolver en dito centro sen necesidade de derivar pacientes a outras áreas sanitarias.
Instar a Xunta de Galiza a que revogue a decisión de “unificación” do servizo de cirurxía pediátrica da área sanitaria de Ourense e de Vigo.
MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2013, RELATIVA ÁS OBRAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE SAN XOÁN DE RÍO
Acordase a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2013, relativa ás obras municipais do Concello de San Xoán de Río, incorporando ao plan principal –en substitución da obra denominada “Mantemento de camiños municipais”- a obra denominada “Cemiterio municipal: cerramento e outros”, cun orzamento de execución de 41.300 euros e incorporando ao plan complementario –en substitución da obra denominada “Cemiterio municipal: cerramento e outros”- a obra denominada “Cemiterio municipal: cerramento e outros fase II”, cun orzamento de execución de 41.300 euros.
RENUNCIA DE DON JOSÉ CARLOS MARTÍNEZ-PEDRAYO VALEIRAS AO CARGO DE DEPUTADO PROVINCIAL
Acordo:
Tomar razón da renuncia do deputado provincial don José Carlos Martínez-Pedrayo Valeiras, deixándose constancia dela e con efectos do remate da sesión plenaria do día de hoxe.











