Representantes do Sergas visitan os terreos nos que se construirá o centro de saúde de Gondomar
O director xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Pablo Torres Arrojo visitou, acompañado do alcalde de Gondomar, Fernando Guitián Guitián, os terreos onde se edificará o centro de saúde.
A construción desta nova instalación da rede sanitaria pública galega, que conta cun investimento de ao redor de 1,8 millóns de euros, está cofinanciada con fondos europeos e enmárcase no obxectivo da Estratexia Sergas 2014 de modernizar as infraestruturas da rede de atención primaria, para mellorar a asistencia prestada á cidadanía e o contorno de traballo dos profesionais.
O centro de saúde, que contará cunha superficie construída de preto de 1.500 metros cadrados, situarase nunha parcela de preto de 5.000 m2, cedida gratuitamente polo concello.
Na súa visita, o director xeral estivo acompañado por Joaquín López Fando, coordinador responsable do equipo que leva a cabo a revisión do proxecto de execución do centro de saúde, introducindo, entre outras melloras, elementos de eficiencia enerxética coa fin de dotalo dos máximos estándares de calidade e sustentabilidade ambiental. Así mesmo, estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, e polo xerente da Estrutura de Xestión Integrada de Vigo, Mario González González.
Plan funcional
Ademais das consultas de medicina xeral e pediatría recollidas no plan funcional, o centro contará con matrona, traballador social, sala polivalente e unha zona de administración, arquivo, almacéns e outros servizos comúns.











