Renovación do pavimento da rúa Juan Díaz Porlier
A Concellaría de Infraestruturas renovará o firme da rúa Juan Díaz Porlier, no barrio de Matogrande, unhas obras que permitirán emendar os danos detectados tanto no vial coma na zona de aparcadoiro. O proxecto, cun prazo de execución dun mes, supón un investimento de 60.000 euros.
O Concello saca a concurso esta obra na rúa Juan Díaz Porlier. Os técnicos da área que dirixe Martín Fernández Prado recomendan a substitución do pavimento desta vía que soporta unha gran densidade de tráfico, incluíndo vehículos pesados como autobuses e automóbiles de repartición. Ademais de renovar o firme e pintar a sinalización horizontal, Infraestructuras aproveitará para substituír o pavimento da zona de aparcadoiros e a canaleta de formigón prefabricado que recolle as augas pluviais.
Cun presuposto de licitación de 60.312,57 euros, este novo proxecto forma parte do programa de renovación de rúas e espazos públicos do Concello da Coruña. Así, a obra en Juan Díaz Porlier súmase á segunda fase do plan de rehabilitación de firmes, que cun investimento de 198.365 euros chegará a 10 rúas da cidade (Pla e Cancela, Europa, Santo Tomás, Biscaia, Novoa Santos, Nicomedes Pastor Díaz, Roberto Tojeiro, Conto, Coronel Cerviño Núñez e a rampla do Matadoiro).
En 2012, xa arrancou a primeira fase do plan de rehabilitación de firmes da área que dirixe Martín Fernández Prado e que inclúe a renovación de 19 rúas da cidade: a estrada do Portiño, Paseo de Rolda, Manuel Murguía, avenida de A Habana, Cigarreiras, Joaquín Planells, Xeneral Rubín, Pablo Picasso, José Miñones, Álvaro Cunqueiro, acceso de Alfonso Molina dende a fonte dos Lazos, Antonio Machado, Salvador de Madariaga, Marqués de Amboage, Marqués de Figueroa, Fernando Rey, Alfonso Molina, Liñares Rivas e Primo de Rivera.











