Rematou o curso de prevención de riscos laborais en Ourense coa entrega de diplomas

Entrega dos diplomas aos participantes no curso en Ourense
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, entregou hoxe a 29 persoas os diplomas acreditativos da súa participación no curso básico de prevención de riscos laborais que este organismo organizou en Ourense durante esta semana.
Estas mesmas accións formativas remataron tamén na Coruña e Lugo. Durante a vindeira semana, terá lugar unha nova edición en Pontevedra, co que serán case 200 as persoas beneficiarias destes cursos.
As accións, que se desenvolven tanto de xeito presencial como en liña, forman parte da oferta formativa do Instituto para este ano 2013. Os cursos básicos teñen unha duración de 35 horas lectivas e son impartidos por técnicos do ISSGA especialistas en seguridade, hixiene, ergonomía e psicosocioloxía e medicina laboral.
O programa do curso céntrase en conceptos básicos sobre seguridade e saúde no traballo; riscos xerais e a súa prevención; riscos específicos do sector da actividade da empresa; elementos básicos da xestión da prevención de riscos; primeiros auxilios; e a prevención desde a perspectiva de xénero.
En resumo, e segundo explicou a directora do ISSGA, o obxectivo destas actuacións é “acadar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención establecida no regulamento destes servizos. O que queremos é proporcionar aos empresarios a formación e os coñecementos que os capaciten para xestionar a prevención nas súas propias empresas ou centros de traballo”, apuntou.
Máis de 2.000 beneficiarios
Estes cursos básicos englóbanse na oferta formativa do ISSGA na que xa tomaron parte ao longo deste ano máis de 2.100 persoas.
Para 2013 programáronse un total de 12 cursos básicos de prevención de riscos laborais presenciais nos catro centros provincias do Instituto dos cales xa tiveron lugar 7 deles coa participación de 306 persoas. Ademais, realizáronse tres dos catro cursos básicos de prevención na modalidade en liña programados a través da aula virtual nos que tomaron parte 300 persoas. Un deles foi específico para actividades de tempo libre, que forma parte do Plan de formación da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Con respecto a xornadas técnicas, xa tiveron lugar 18 das 23 nas que asistiron 1.518 persoas.











