Regrasan os seráns de baile á Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os “Seráns de Baile” regresarán este sábado (5 de outubro) no seu horario habitual, de 18.00 a 21.00 horas, despois do parón do verán. Deste xeito o Concello da Laracha recupera as xa tradicionais tardes de música, baile e ocio para a terceira idade, ás que están convidados a asistir dun xeito totalmente gratuíto todos os veciños xubilados e pensionistas residentes no Concello.

Aproveitando a dispoñibilidade de instalacións modernas e céntricas tanto na Laracha como en Paiosaco, alternarase semanalmente o lugar de celebración desta actividade. Así, o primeiro e o terceiro sábado de cada mes –coincidindo coa véspera da feira quincenal de Paiosaco- o lugar de celebración será o salón de actos do centro sociocultural de Paiosaco. O segundo, cuarto e, no caso de habelo, quinto sábado do mes, desenvolveranse no baixo da biblioteca municipal da Laracha.

Por tanto, será o centro sociocultural de Paiosaco a instalación que albergará o sábado a primeira xornada dos “Seráns de Baile” deste ano, entre as 18.00 e as 21.00 horas.

O Concello da Laracha aposta un ano máis, como vén facendo desde o 2007, por ofrecer esta alternativa de ocio aos veciños maiores, posibilitando optimizar o seu tempo libre e favorecendo as relacións sociais entre o colectivo da terceira idade. Os “Seráns de Baile” lévanse a cabo en instalacións de gran calidade, amplas, cómodas, funcionais, céntricas e con boa dispoñibilidade de aparcamento de vehículos nas súas inmediacións.

2 de outubro de 2013 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.