Refórzase a xestión administrativa e económica do Concello ourensán coa reestructuración interna de servicios prioritarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Concello de Ourense remitiu hoxe á Xunta de Galicia as bases que teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación, entre funcionarios e funcionarias da Administración Local con habilitación de carácter estatal, os postos de intervención- tesourería e secretaría, ambas de categoría superior.

As denominacións dos postos correspóndense coa categoría de viceinterventor e Oficial Maior, ambos incluídos na relación de postos de traballo do Concello aprobada en xullo de 2012. Os requisitos indispensables para concorrer á convocatoria son os seguintes:

– Estar integrado ou integrada nas subescada de intervención tesourería ou secretaría, categoría superior, respctivamente, acreditar o coñecemento da lingua galega coa presentación do certificado Celga 4 ou equivalente, dando a posibilidade a aqueles ou aquelas que non posúan tal acreditación de realizar unha proba de carácter eliminatorio na que se valorará coma “apto/a” ou “non apto/a” segundo se o seu grado de coñecemento é equivalente ao esixido.

As bases foron remitidas á Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia para a emisión de informe preceptivo por parte de tal organismo. Unha vez recibido informe polo Concello, as bases serán postas en coñecemento da Xunta de Goberno Local, momento no que se abrirá un prazo de 15 días naturais para a presentación de solicitudes, trala súa publicación no Boletín Oficial da Provincia o tablón de anuncios municipal e a páxina web do Concello.

Os interesados e interesadas poderán remitir nese prazo as súas solicitudes á Alcaldía de Ourense, nas que se adxuntará o currículum vitae, no que deben constar os títulos académicos, anos de servizo, postos de traballo desempeñados para a administración, estudos e cursos realizados e outros méritos que se consideren axeitados, coa correspondente documentación que así o acredite.

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía procederá, no prazo de un mes, a ditar a resolución correspondente, da que lle dará conta ao Pleno da Corporación así como traslado á Dirección Xeral da Administración Local da Xunta de Galicia, para a súa anotación e publicación no Diario Oficial de Galicia.

A convocatoria destas prazas ten como finalidade millorar a capacidade de xestión do ente municipal, dotando de máis recursos dous puntos clave do entramado administrativo e económico do Concello do que depende, en última instancia, a tramitación da maior parte dos asuntos e expedientes de importancia para os cidadáns.

Con esta medida, que podería estar cumplimentada en mes e medio, o Goberno municipal pretende encarar o segundo tramo do mandato dotándose da axilidade necesaria para concluír a tramitación do Plan Xeral de Ordeación Urbanística, e asumir asuntos como a licitación dos novos desenvolvementos termais ou o Plan de Emprego.

Nova delegación de competencias

Tras varias reunións con diferentes membros do seu goberno, Agustín Fernández, alcalde de Ourense, quere por o énfase naquelas áreas que inclúen proxectos estratéxicos para o Concello e dotar dunha maior eficiencia á xestión política municipal.

Áurea soto, concelleira de Urbanismo, asumirá dende mañá as competencias en materia de servizos xerais e persoal que actualmente posuían José Martínez Pedrayo e o propio alcalde. Así, o concelleiro de Economía, Facenda e Termalismo, Vázquez Barquero, recupera as competencias en materia de Comercio.

José Martínez Pedrayo, abandona o goberno municipal por motivos profesionais, o que condiciona un novo reparto de áreas para a nova concelleira entrante Juana Agueitos Gude, que se ocupará das áreas de Xuventude, Voluntariado e Igualdade.

21 de outubro de 2013 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.