Recupérase a ruta da construción naval coincidindo coa festividade do Pilar
A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, recupera a Ruta da Construción Naval pola ponte da festividade do Pilar. Así, o obxectivo desta iniciativa é que tanto os ferroláns como as persoas que visiten a cidade nestas datas poidan coñecer o complexo naval e militar da nosa ría, polo que a ruta de turismo industrial será reactivada os días 12 e 13 de outubro.
Para as visitas guiadas ao Arsenal Militar poderanse adquirir os tickets na oficina de Turismo da dársena de Curuxeiras, onde comezará o percorrido militar ás 11:00 horas. No caso de Navantia, o city-tren sairá da Praza de Galicia -xunto ao Teatro Jofre- ás 12:20 horas e os tickets poderán ser adquiridos no mesmo city-tren. Xa que as prazas son limitadas, en ámbalas dúas visitas será necesario realizar unha inscrición previa na oficina de Turismo de Curuxeiras, que permanece aberta os sábados, domingos e festivos, de 10:30 a 14:30 e de 16:00 a 18:30 horas; ou ben chamando aos teléfonos: 696 531 070 e 619 177 402.
Así mesmo, serán retomadas estas visitas guiadas da Ruta da Construción Naval os días 6, 7 e 8 de decembro, con motivo do ponte da Constitución; e no Nadal, os días 21, 22, 28 e 19 de decembro e o 4 e 5 de xaneiro de 2014.
Outras visitas
Por outra parte e co obxectivo de dar continuidade á ruta de turismo industrial ao longo do ano, o Concello de Ferrol realiza visitas guiadas ao Arsenal Militar todos os fines de semana do ano para turistas e visitantes a nivel individual. Para participar nestas visitas será necesario reservar cunha semana de antelación no teléfono: 696 531 070. Así, a Ruta da Construción Naval tamén estará dispoñible para grupos todos os días, coa pertinente reserva anticipada.
Ademais, durante ao longo de todo o ano poderanse visitar, pero sen guía, outros elementos da Ruta da Construción Naval como o Castelo de San Felipe, o Museo Naval e Exponav.











