Raúl Bouzas queda preto das medallas nos Sports Accord World Combat Games

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A selección española, co galego Raúl Bouzas no equipo, quedou moi preto das medallas nos Sports Accord World Combat Games (antiga Copa do Mundo), que se celebrou estes días en San Petersburgo (Rusia) na modalidade de TK-5. O equipo español fixo un gran traballo durante todo o campionato e só perdeu pola mínima fronte a Irán nas semifinais (6-5) e na loita polo bronce contra o equipo local, Rusia (13-12). Raúl, xa de regreso a Galicia, fixo un balance moi positivo desta experiencia.

O galego participou en todos os combates coa excepción do segundo, no que se enfrontaron á República Dominicana. Bouzas explicou que “a experiencia foi moi interesante xa que é unha modalidade diferente e moi dinámica. Custoume un pouco adaptarme, pero ao final gocei moito da experiencia xunto a un grande equipo”.

España formaba parte do grupo A e logrou a clasificación para as semifinais despois de empatar con Uzbekistán (19-19), gañar á República Dominicana (33-3) e empatar con Rusia (17-17). Sobre o grupo, Raúl explicou que “no primeiro combate contra Uzbekistán foi un pouco raro porque nos chamaron unha hora antes do horario establecido e non quentamos ben. Sen dúbida, foi o peor combate dos cinco que fixemos, aínda que ao final logramos empatar e manter as opcións de clasificarnos para as semifinais”. Contra a República Dominicana: “encontrámonos moito mellor e unha vez superados os nervios iniciais, conseguimos gañar por trinta puntos de diferenza”. O terceiro cruce foi o máis complicado xa que España tiña enfronte a Rusia, o conxunto locatario: “A arbitraxe foi un pouco estraña e aínda que empatamos, a verdade é que merecíamos gañar claramente”. Ao quedar segundas de grupo, a España tocoulle enfrontarse nas semifinais con Irán, que era o rival máis duro e o que ao final proclamouse campión da Copa do Mundo. “Este equipo gañara todos os combates anteriores por diferenzas de vinte puntos e a nós só nos gañaron pola mínima (6-5), nun gran combate pola nosa parte e cun magnífico plantexamento”. Así, España tivo que volver a enfrontarse contra Rusia na loita polo bronce. E aí o equipo español caeu derrotado nun axustado combate (13-12), onde se repetiu “unha arbitraxe moi favorable aos locais”, segundo explicou Bouzas.

Modalidade TK-5. En TK-5 cada equipo está conformado por cinco competidores titulares, un reserva e un coach. É un sistema de combate por equipo onde gaña quen sume máis puntos durante dous asaltos. Dous asaltos de cinco minutos cun minuto de descanso. O primeiro de cinco minutos, onde cada competidor deberá estar no tapiz durante un minuto. Logo dun minuto de descanso e no seguinte asalto, comeza unha competición de relevos ilimitados, onde os técnicos, segundo a súa táctica, elixen quen entra e quen sae. O único condicionante para poder cambiar o competidor, é que o deportista realizase un mínimo de tres ataques.

A categoría total de peso co que se deberá cumprir é o seguinte:

Masculino: Peso total de 6 competidores (5 +1 reserva) 432 quilogramos ou menos. En caso de non levar un substituto, o peso total de 5 atletas debe ser 360 quilogramos ou menos. O equipo español estaba formado por: Raúl Bouzas, Manuel Beloqui, Raúl Martínez, Daniel Quesada, Daniel Ros e José Antonio Rosillo.

26 de outubro de 2013 | 20:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.