Publicada a aprobación inicial do plan especial do SXIS de saneamento e abastecemento
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publica hoxe o anuncio da aprobación inicial do Plan especial do SXIS (sistema xeral de infraestruturas de servizos) de saneamento e abastecemento de auga.
Este Plan especial é un documento de tipo urbanístico que posibilitará organizar dun xeito máis efectivo as infraestruturas en uso e deixar preparado o terreo para a futura realización de novas actuacións dirixidas a reforzar ambos servizos no termo municipal.
En concreto, ditas actuacións consistirán na ampliación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de O Formigueiro -que é a principal do municipio e recibe a carga dos cascos urbanos da Laracha e de Paiosaco, así como de numerosos núcleos rurais aos que se foi levando o servizo de saneamento durante os últimos anos-, melloras na estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Gabenlle e a creación dun novo depósito de auga potable de cabeceira en Golmar (entre os núcleos de A Calvela e Requesende) para mellorar a traída tanto a esta parroquia como á de Lestón (á que pertence Paiosaco).
Estas actuacións son consideradas prioritarias para o goberno local do Concello da Laracha, xa que darían resposta ás necesidades que poderían presentarse nun futuro a medio prazo ante o progresivo aumento de poboación que se está a rexistrar no noso municipio, especialmente nos tres cascos urbanos, pero tamén en determinados núcleos rurais.
O anuncio publicado hoxe no BOP inclúe a relación de bens e dereitos afectados, o que será notificado aos seus propietarios nos próximos días. O expediente sométese a exposición pública por un período mínimo de un mes, estando a disposición das persoas interesadas en consultalo na secretaría do Concello da Laracha en horario, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 horas.
Para elevar a definitiva esta aprobación inicial é preciso, ademais de superar o período de exposición pública, os informes sectoriais preceptivos das administracións públicas competentes e, por último, o acordo da Corporación municipal.
Precisamente no último Pleno ordinario fora aprobada a inclusión dun crédito extraordinario nos orzamentos que se destinará á expropiación dos terreos afectados pola ampliación da EDAR de O Formigueiro incluída neste Plan especial. Dito crédito extraordinario financiarase cunha parte do sobrante da operación de préstamo concertada polo Concello da Laracha no ano 2010 para acometer diversos investimentos reais no termo municipal.











