Protección Civil de Ferrol contará con novos locais na estación de autobuses da cidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, visitou esta tarde as novas instalacións da Agrupación local de Voluntarios de Protección Civil, que ocupan dous antigos comerciais baleiros da Estación de Autobuses da cidade naval, que foron cedidos ao Concello pola Xunta de Galicia –responsable da xestión da terminal de buses ferrolá- O rexedor ferrolá desprazouse até estas novas instalacións acompañado do concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Pablo Cal Martínez.

O Concello de Ferrol investiu 6.000 euros nas obras de acondicionamento da que é a nova sede administrativa, de coordinación de actividades e de atención e descanso de Protección Civil. A devandita agrupación de voluntarios mantén, ademais, os seus equipos e medios materiais nas dependencias do antigo acuartelamento do Sánchez Aguilera. “Con estas novas dependencias saldamos unha débeda que o Concello de Ferrol tiña contraída dende hai anos con Protección Civil, dotándoa dunhas instalacións dignas”, manifestou o alcalde, quen agradeceu “o traballo e a colaboración que prestan os voluntarios desta agrupación sempre que se precisa da súa axuda, e como mostra, as intervencións que fixeron con motivo do temporal de onte”.

22 de outubro de 2013 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.