Programación orientada á mocidade ferrolá orientada ás novas tecnoloxía e búsqueda de emprego
A concelleira de Xuventude do Concello de Ferrol, Verónica Casal Míguez, presentou a nova programación orientada á mocidade ferrolá que neste ano estará enfocada ás novas tecnoloxías e a busca de emprego. Estas actividades, que serán de carácter gratuíto, están dirixidas a persoas empadroadas no Concello de Ferrol e que teñan unha idade comprendida entre os 16 e 30 anos. Todos os obradoiros se realizarán na Casa da Xuventude, ”queremos dinamizar o inmoble e que sexa unha referencia para os mozos e mozas ferroláns” sinalou a edil.
O taller de orientación laboral dará comezo mañá, mércores día 16, ás 18:00 horas na Casa da Xuventude. Esta acción formativa, que forma parte do Programa Activa 2013 da Xunta de Galicia, terá unha duración de dúas horas e tratará sobre a mellora da empregabilidade, ferramentas para a busca de traballo, oportunidades en momentos de crise, o currículo e a entrevista de traballo. Así mesmo, un total de 20 persoas comezarán este sábado día 19 o itinerario de formación Unha actividade, un risco, unha solución, que se prolongará ata o vindeiro 9 de novembro. Este curso está dirixido a todas as persoas que traballan no campo do tempo libre e “pretende dar solucións, ferramentas e recursos a diferentes riscos” engadiu Casal Míguez. O Torneo Ferrol Cidade do Mar de xogo de cartas coleccionables Magic tamén terá lugar este mes de outubro, concretamente será o vindeiro sábado día 26 no Hotel Hesperia.
Por outra banda, xa no mes de novembro, será o curso específico de informática Achegándome ao emprego, enfocado á busca activa de emprego. Este itinerario presencial desenvolverase do 4 ao 15 de novembro, de luns a venres en horario de 10:00 a 13:00 horas, e terá un predominio práctico no que se fomentará a participación activa do alumnado. “Os destinatarios do curso son mozos e mozas en situación de desemprego ou que desexen formarse para a busca do primeiro traballo” engadiu a edil ferrolá. Así mesmo, tamén se impartirá a actividade Ferrol en activo, que se desenvolverá de novembro a decembro e de xaneiro a febreiro de 2014, nos Centros de Formación Profesional. Esta acción formativa trata da busca de emprego de forma activa aproveitando os recursos das novas tecnoloxías e o estudo dunha entrevista de traballo.
Por último, o día 18 de novembro e ata o mes de maio de 2014 se desenvolverá a iniciativa Fórmate Ferrol que inclúe os seguintes cursos de 20 horas cada un: posicionamento en redes sociais; posicionamento SEO; iniciación á programación web; community manager; medir campañas nas redes sociais; mellores aplicacións para a empresa; como converter visitas en clientes; a web móbil; retoque fotográfico; fotografía dixital; xestión de proxectos dixitais; video: montaxe e edición; desenvolvemento móbil: android e multiplataforma; inicio ao cloud computing; ferramentas de software libre; descargas na rede; e o currículo vitae e a entrevista de traballo.
Axudas para mercar ordenadores
Ademais, a edil de Xuventude lembrou que segue aberto o prazo do programa Conecta Ferrol, de axudas para mercar un ordenador. Os interesados deberán presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral ata o 31 de outubro e adquirir o ordenador nunha tenda ou comercio de Ferrol ata o 30 de novembro.
Un total de 50 estudantes poderán ser beneficiarios desta achega municipal de 200 euros para a compra do computador, tanto portátil como de sobremesa. Verónica Casal sinalou que o mércores pasado, día 9 de outubro, eran 20 as solicitudes cursadas e que os mozos e mozas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
– Estar empadroado no Concello de Ferrol, cunha antigüidade mínima dun ano.
– Ter entre 12 e 18 anos de idades, cumpridos no momento de presentar a súa solicitude.
Acreditar un nivel de ingresos económicos netos anuais da unidade familiar non superior a 2,5 veces o IPREM establecido para o ano 2013, incluíndo as pagas extras e incrementando un 15% por cada novo membro.











