Preséntase a III edición dos premios Ferrolterra Emprende

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presentou esta mañá a “III Edición dos Premios Ferrolterra Emprende”. O primeiro edil estivo acompañado polo presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra, Eume y Ortegal (AJE), Cristóbal Dobarro Gómez, entidade organizadora do certame en colaboración co Concello de Ferrol.

Rey Varela manifestou que o Goberno Municipal traballa para conseguir “apoiar, motivar e premiar aos emprendedores, colectivo que xoga un papel fundamental na nosa cidade”. Así, o rexedor municipal quixo agradecer o labor  da  Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra, Eume y Ortegal na organización desta terceira edición dos premios e con outras actividades en colaboración co Concello de Ferrol “porque xuntos sumamos e sumando é a maneira de afrontar as condicións de dificultades actuais”

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume y Ortegal, Cristóbal Dobarro Gómez, explicou que a única categoría do certame está dotada dun módulo do Máster de Dirección Estratéxica da Escola Europea de Negocios e que conta cunha valoración de 4.500 euros. Así, sinalou que o xurado poderá outorgar unha mención de honor ou accésit se a calidade do proxecto así o xustifica, que consiste nun módulo de Eficacia e Eficiencia Persoal 1.0 e 2.0 valorado en 1.500 euros. O proxecto que resulte vencedor desta terceiro edición tamén poderá optar ao Premio Xove Empresario de Galicia.

Requisitos, prazo e gala  de entrega do certame

Para participar na “III Edición dos Premios Ferrolterra Emprende”, os proxectos deben ser innovadores e acordes ás necesidades empresariais das comarcas;  promovidos por empresarios menores de 41 anos e que teñan establecemento mercantil en Ferrolterra, Eume ou Ortegal, sexan persoas física ou xurídicas. O xurado valorará, entre outros criterios, a creación de emprego estable, a innovación do proxecto, a concienciación co medio ambiente, a conciliación da vida laboral e familiar, así como, a posta en marcha de políticas de igualdade. O prazo de presentación das candidaturas finaliza o luns 4 de novembro, e catro día despois, os empresarios presentarán as súas ideas ante os membros do xurado. O fallo do tribunal darase a coñecer na gala de entrega do premio que será o 21 de novembro, ás 20:00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester (CTB).

3 de outubro de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.