Presentación das competicións territoriais de rugby galego que se disputarán na tempada 2013-14

Presentación das competicións territoriais de rugby galego que se disputarán na tempada 2013-14. Foto: Ana Varela
A Federación Galega de Rugby, que este ano celebra os 30 anos transcorridos desde a súa fundación, foi resalzada polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, polo traballo realizado por facer que este deporte se consolide en Galicia e adquira unha maior presenza. Así o manifestou na rolda de prensa de presentación das competicións territoriais de rugby galego que se disputarán na tempada 2013-14.
“A boa saúde deste deporte en Galicia pivota no bo facer da federación e os clubs aos que esta Secretaría debe e quere seguir apoiando”, asegurou Lete Lasa, para engadir que, grazas a este esforzo conxunto, “un deporte tan cheo de valores e significado como o rugby está en Galicia para crecer e seguir consolidándose”.
Os equipos que representarán a Galicia nas máximas categorías do rugby nacional constatan os óptimos progresos que este deporte está a acadar na nosa comunidade: o Blusens Universidade de Vigo, que afronta a súa terceira tempada consecutiva na División de Honra da categoría masculina, ou o Crat UDC de A Coruña, un equipo que está a acadar destacados resultados no rugby nacional, tanto na categoría feminina, onde ocupa a terceira posición da División de Honra, como na masculina, co seu conxunto na División de Honra B.
O Trofeo de Campións
Como novidade, a creación do Trofeo de Campións que entregará a Federación Galega de Rugby ao equipo gañador de liga en tres ocasións e que conta con varios aspirantes, como son os actuais campións e subcampións: o Mareantes R.C. de Pontevedra, o C.D. Zalaeta Arteixo da Coruña ou o C.R. Ingleses de Vilagarcía de Arousa.
“A competición que se presenta é un reflexo deste traballo: unha liga galega forte e competitiva, aberta a equipos veciños, e cun novidoso Trofeo de Campións, que propiciarán, -dixo-, unha tempada da que desfrutar e pola que seguir crecendo”.
Impulso ao rugby feminino
Na rolda de prensa, Lete Lasa adiantou que, esta tempada, A Coruña albergará o vindeiro Campionato de España Feminino de Seleccións, que se disputará os vindeiros días 11 e 12 de xaneiro de 2014. Un encontro que, en palabras de Lete, “é reflexo e consecuencia da potencialidade das nosas xogadoras, que volverán acadar grandes metas o vindeiro mes de xaneiro”. Resaltar tamén o bo momento que atravesa o rugby feminino en Galicia, e puxo como outro exemplo o feito de que se dispute por primeira vez na nosa comunidade unha competición con sete equipos, o que suporá un importante impulso deste deporte.











