Portugal e Asturias estarán representados no Festival Intercultural de Tangaraño en Mos
O sábado 12 de outubro ás 19:30 horas terá lugar no Multiusos das Pozas o Festival Intercultural organizado pola Asociación Cultural Tangaraño.
Os grupos convidados a participar no mesmo durante a presente edición veñen dende Portugal, dende outras comunidades autónomas españolas como Asturias, e do propio Concello de Mos, tal é o caso da agrupación musical de gaitas da Asociación Cultural Xógara.
O venres día 11, chegarán a Mos e serán recibidos polos membros de Tangaraño os artistas do grupo asturiano AF Picos de Europa, procedentes de Cangas de Onís, localidade onde os integrantes da agrupación mosense anfitriona nesta ocasión, foron acollidos o pasado mes de xuño en Asturias. Os asturianos permanecerán en Mos ata o domingo día 13 de outubro.
No caso do grupo de visitantes procedentes do país veciño, trátase do GDFC Zambujal, natural de Coimbra, onde a A.C. Tangaraño estivo o pasado xullo. Por suposto Tangaraño, entidade anfitriona e organizadora deste Festival Intercultural, participará tamén cunha actuación durante o mesmo.











