Portos de Galicia e Concello da Laracha asinan o convenio para o mantemento das zonas de paseo do peirao de Caión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, asinaron esta mañá –na sede do ente público en Santiago de Compostela- o convenio de colaboración para a conservación e mantemento das zonas de paseo (novo tramo do paseo marítimo e da pasarela peonil) e as áreas verdes do porto de Caión.

Esta fórmula posibilitará ao Concello da Laracha actuar dun xeito áxil, directo e eficaz tanto nas continuas labores de limpeza como no caso de detectarse a necesidade de acometer algunha reparación ou mellora puntual nos citados ámbitos.

Cabe lembrar que o peirao da única vila costeira do Concello da Laracha foi obxecto dunha actuación, finalizada no pasado mes de agosto, por medio da cal, entre outras melloras, foi aumentada a súa superficie en 2.200 metros cadrados, ampliado o paseo marítimo, instalada unha pasarela peonil e creadas áreas de descanso e zonas verdes. O obxectivo da obra, que supuxo un investimento de 4,12 millóns de euros, foi conxugar o desenvolvemento da actividade na zona portuaria coa habilitación de espazos públicos nun entorno único para disfrute de veciños e visitantes, dinamizándose o sector turístico como un dos motores económicos da localidade.

8 de outubro de 2013 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.