Ponte Sampaio, centro dos roteiros temáticos do patrimonio rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Concellaría de Patrimonio Histórico organiza hoxe o roteiro temático do patrimonio rural en Ponte Sampaio, que estará adicado ás pontes e aos camiños históricos (Vía XIX, Camiño Portugués, Camiño Real do século XVIII, etc.). Dará comezo ás 10.00 horas na ponte de Ponte Sampaio e ten unha extensión duns 8 km, con unha duración estimada de tres horas e media ou catro.

O obxectivo do percorrido é salientar a importancia histórica deste espazo no eixo de comunicación N-S desde a época romana (e pre-romana), a función de limes (fronteira) do río Verdugo entre a Gallaecia lucense e bracarense; a traza da vía romana XIX a partir dos achados de miliarios en Arcade, desembocadura do Ulló, e os tres miliarios de Paredes (Vilaboa); a construción de viadutos para salvar os cursos de auga desde a época romana até a actualidade; as diversas infraestruturas de comunicación construídas ao longo dos tempos: vía romana, camiño portugués, camiño medieval, camiño real, vía do tren…; a función defensiva e fiscal do castelo de S Paio de Luto na Idade Media…

O roteiro dará comezo na ponte medieval de Ponte Sampaio, construída hipoteticamente sobre unha anterior da época romana. Aínda que
a feitura é dunha ponte medieval, presenta profundas modificacións levadas a cabo ao longo dos séculos sobre todo entre o XVI e o XVIII. Está formada por dez arcos de porpiaño e salva unha distancia de 144 m. A ponte foi testemuña de numerosos episodios históricos, e foi escenario da famosa batalla librada en 1809 contra as tropas napoleónicas, que puxo fin á ocupación francesa de Galiza. Nas súas proximidades instalouse un fito conmemorativo da construción do camiño real entre Ponte Valga e Ponte Sampaio, promovido polo arcebispo Malvar a finais do século XVIII e rematado a comezos do século XIX, pouco antes da citada batalla contra os franceses.

Desde a ponte o percorrido discorre parcialmente a través do camiño portugués, para desviarse ao cabo duns 800 m cara á Illa da Insuiña ou de Medal. Ademais de visitar esta fermosa paraxe froito do xenio do pintor Antonio Medal, desde este lugar contemplarase o conxunto de tres viadutos: a ponte de dous arcos da N-550, e as dúas pontes da vía férrea, unha de finais do XIX e outra de comezos do XXI. Entre as moitas curiosidades da illa, cabe salientar que segundo a tradición popular foi utilizada como lugar de enterramento dos soldados franceses que pereceron na citada batalla.

Desde a Illa da Insuiña o roteiro volta ao trazado do camiño portugués, para dirixirse cara a desembocadura do río Ulló, onde unha nova ponte de ferro cortén veu substituir a vella ponte de pedra dun só arco destruída pola riada do outono de 2006. A partir deste punto o roteiro continúa polo camiño portugués cara a Cacheiro e a Canicouva, no que se pode considerar uns dos treitos mellor conservados e máis engaiolantes do vello camiño medieval tamén coñecido como A Vrea Vella da Canicouva. Cara á esquerda, en dirección ao lugar das Laceiras e cara a Paredes (xa no concello de Vilaboa) intúese a traza da Vía Romana XIX, que se pode rastrexar de novo en Salcedo e a Ponte do Couto grazas á descuberta de miliarios.

Antes de chegar á Canicouva, a traza do roteiro vira á dereita en dirección ao lugar do Cobo para visitar o monte do Castro, no que existe un recinto castrexo moi alterado pola actividade das canteiras. O promontorio está situado estratéxicamente para controlar o paso do río Ulló e o seu esteiro.

Desde o castro o percorrido continúa até o lugar onde estaba a Ponte do Arco, desaparecida en 2006 como consecuencia da riada. Aquí tamén se conserva un muíño vivenda de propiedade privada mais que pode ser visitado se se concerta previamente. Desde este lugar o percorrido discorre por un antigo camiño de pés até a igrexa de Ponte Sampaio, de orixe románica, para continuar polo lugar da Fontaiña até o punto de partida.

26 de outubro de 2013 | 12:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.